Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.12.13

Pretensións para o 2014

Así, sen reflexionalo, coma na psicoloxía moderna. Velaí van as miñas pretensións para o 2014.

1. Contar ata tres para darme marxe a pensar antes de responder cando sei que se non o fago vou entrar nun camiño do que despois sei que vou querer saír porque o sei xa de antemán.
2. Vou intentar non deixarme levar polo que non vai nada comigo (centros comerciais, ir á última moda, a onde vas tolo, a onde van todos, a ver quen ten máis, quen é máis, quen sobe máis, quen gasta máis...), pero vou tratar de dar certa marxe. Nunca quixera ir polo camiño do cinismo, pero ás veces hai que ir si ou si. Este consello deumo unha sabia que diso sabe moito.
3. Só vou entrar en discusións sobre lingua e cultura e política con persoas que me poden achegar algo, sexa o simple pracer de discutir amablemente e intelixentemente, ou facerme ver o que eu non vexo. Non volvo explicar a romanización e os reis católicos, a ditadura, o papanatismo da dereita, as liberdades individuais, colectivas, o ben común e as manifestacións a prole de restar no canto de sumar e toda a sociolingüística resumida por máis que me azucen ou me vexa nesas disquisicións.
(Para conseguir este obxectivo terei que levar algún dispositivo moderno que me solte cambras nas cachas cada vez que me sinta na obriga de intervir e vaia facelo)
4. Non vou satisfacer a ninguén innecesariamente se non sinto que me paga a pena e me fai sentir ben. Aquí cada can que lamba... pois iso!
5. Cando escoite aquilo que non debín escoitar porque atenta contra a miña autoestima vou facer coma que non. En realidade, non te destroza quen quere, senón quen lle deixas. Isto pode parecer unha declaración de intencións dun libro ruín de autoaxuda, pero é o que hai. Cando ao teu carón dous falan de como poden invisibilizarte nun lugar se cada día se lles pon máis difícil, o mellor é pensar que o fan porque tes valor, e non porque non o tes.
6. Comprométome a estudar. Con esforzo. Sen enfangarme na mala praxe, sen submisión nin con deixadez, pero sen facer ferver a cabeza, os foros e os ánimos. Se un non é responsable no seu traballo, logo de tantos anos de exercicio, non vou ser eu quen os faga cambiar, por moitos toques de atención que dea (que seguirei dando, non vou operar o cerebelo, desde logo), pero intentarei outras canles máis discretas e que me desgasten menos.
7. A indefensión perante a administración, por un caso que contei xa aquí, por veces quítame o sono. Doume este ano para mover o que teña que mover, así teña que perder moitas mañás tocando a zambomba. Cada vez préstame menos que me tomen por parva, ou que me timen así á cara.
8. Intentarei escribir algunha cousa. Algo intentarei, por todas as razóns que xa dixen. Ao final, rosmas, rosmas e só te convertes nun peso morto máis. O activismo non é só falar co cu sentado nun lugar cómodo. Se moitas lecturas me parecen unha merda, vou ver se podo facer eu unha merda mellor. Que probablemente non.
9. Coma sempre. Intentarei facer todo o posible por ver/estar/gozar dos amigos e das amigas. Cada día véxoos máis sabios, máis sabias e as nosas sobremesas alónganse tantas horas sen nos decatar de que pasa o tempo que é marabilloso. Encántame ese grupo heteroxéneo de persoas intelixentes, positivas e saudables que conseguín manter no corazón e na vida. Por máis anos que pasen e por máis circunstancias que nos separen e nos xunten.
10. Tratarei de botarlle unha mirada máis positiva a todo. Este ano o pesimismo cundiu, como non, e por veces o pozo era máis pozo do que é en realidade. Se hai que darlle unha volta ao tema, irse fóra, mudar de espazo... pois hai que collela como veña.
11. O meu firme compromiso de seguir sendo Formal, Responsable e Leal coa xente que non merece menos pola miña parte.

E polo demais, só que me deixe o 2014 máis paciencia, para non deixar que as pequenas parvoíces lle resten nin unha miga de felicidade a todo canto teño, que é o máximo ao que podería aspirar.

Como digo tantas veces. En esencia, que felicidade!!

Que o 2014 vos poña un sorriso dos de verdade cada un dos seus 365 días!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...