Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.1.14

O que é, o que é

Así e todo moitas veces envexo a alegría de vivir que desprenden os habitantes de lugares onde sempre vai bo tempo. A forza que teñen inda a pesar dos pesares.
Eu sempre recoñecín que o looooongo inverno, por máis que isto sexa a miña patria, o lugar onde quero vivir, amouca unha miga. Sempre a chover, sempre gris...
Moitas veces repaso as fotiños do verán, cheas de luz, de alegría, de sorrisos...
Á vez que se van tomando decisións e descargando as mochilas, parece que o optimismo volve sacar as súas poutiñas fóra, logo de andar hibernando máis do que debía.
Adoro a música brasileira e portuguesa, adóroa mesmamente. Maria Bethânia é unha desas grandes, que pon na súa boca tanta alegría de vivir.
Aí deixo o vídeo, para quen goste...


24.1.14

Wild world


Non me digan vostedes que non o é... demasiado salvaxe por momentos.
Onte oíndo as declaracións dun rapaz de Compostela, pai de dous fillos, vivindo con 400 euros ao mes e relatándoo con tal dignidade... dábache o arreguizo polo corpo adiante, si ou si.
Por momentos a montaña rusa vai perdendo fol e pasa máis tempo a rentes do chan ca dando pinchacarneiros.
Feliz fin de semana. Sexan vostedes felices co que teñen ao seu alcance. Indígnese co que lle están roubando, pero que iso non lle mine a autoestima.

23.1.14

Evitar o trauma

Así é como lle chama Dávila á súa tira. Pareceume o seguinte a boa.
Eu non sei de quen é a culpa ou de quen non, pero desde logo os plans de estudo non colaboran nada ao asunto.
De tanto evitar traumas (de coñecer o que os rodea, de coñecer a lingua auténtica que se fala (e non os sucedáneos asépticos), os bichos, as plantas, as familias, as realidades económicas, as realidades mundiais...), de tanto evitalo, o día que baten co tema o hostión ten que ser bestial.
Botanto a vista atrás, moito lle teño que agradecer aos que me criaron, outra cousa non, pero doses de realidade levabámolas a eito.
Din os vellos, que xa oían aos seus vellos repetir aquilo de "a onde imos ir parar con esta juventú e con este mundo de vicio",  así que o tema non deixa de ser un tópico.
Eu non me queixo da juventú. Quéixome de quen os estupidiza, empezando no berce e acabando na facultade.
Cando os tiran da burra (porque caer, non queren caer, meus pobres) é cando o mundo non se representa tal como é, senón cando o ven máis negro do que vén sendo.
Eu só confío en que teñamos forza e xuízo para ir guiando e mostrando o que é. Evitando trauma...

Dávila éche moi xenial (http://obichero.blogspot.com.es/)


21.1.14

O ciclo morreu, viva o ciclo!

Desde que volvemos das vacacións do Nadal, así están as cousas no meu ciclo (digo meu por dicir algo, que non o quería na casa nin de guasa!):
De 5 materias o estado da cuestión vai como segue:
-Unha abriunos unha unidade e unha das tarefas. Máis nada.
-A outra tiña unidades xa abertas. Propúxose unha tarefa. Máis nada.
-Outra non abriu nin unidades, nin tarefas, nin se conecta, nin titorías, nin responde dúbidas...
-Outra está morta. Cero actividade.
-Outra máis está morta. Cero actividade. Era a máis dinámica mentres a levou un substituto, que animaba o foro, propoñía debates, discusións, atendía titorías, conectábase continuamente... Vese que o titular conéctase cada 15 días e só porque debe abrirse automaticamente se prende o ordenador.

Que marabilla de ciclo. Debe ser o orgullo do centro, como mínimo... Cando me pasen a enquisa de satisfacción, non me vai dar a semana para cubrila.

E hoxe mentres tomaba o café, na mesa de atrás había 3 profes comentando a vida dos alumnos e das alumnas, a viva voz, dando nomes e apelidos e resaltando intimidades coma se non houbese pudor, discreción nin máis de que falar (tal se acuesta con tal, ¿no lo sabías? pues no es que lo escondan mucho, a tal los padres le compran una moto y eso que su situación económica no se lo debía permitir, a tal ya le aprobamos por caridad tal asignatura y ahora llegó el amor a su vida y la tía se dedica a enseñar cacha, la muy desagradecida...).

Xente coma a do ciclo e coma estes tres tristes tigres son o que nos afean a profesión, a verdade.

(Por certo, as tres eran mulleres. Pareceume significativo o despelexe ao que sometían, sobre todo, ás rapazas... Vexo que a mentalidade ranciosa e machista sigue bastante en boga, que só lles faltou algún dos tópicos tipo ligerita de cascos para poñerlle a guinda á mandangada toda que as enredou na hora do café)

Como di a canción Sólo le pido a Dios... que nin me deixe ser tan preguiceira nin chegar a falar nunca dos meus alumnos e alumnas con esa alegría, sen discernir a árbore do bosque, e pensando que son unhas persoas da miña idade (e polo tanto con capacidade de defensión) ás que podo criticar abertamente onde sexa (se esa fose a miña natureza). Non dixen nada porque ultimamente, neste WILD WORLD xa aprendín que moito hai que calar a boca. Pero era como para pararse e soltarlles o espiche, ou simplemente presentarme e dicir: Ola, son a nai de XX, e si, xa sei que se deita con XX, e ten o meu consentemento e aprobación para ter relacións sexuais saudables e consentidas con quen mellor lle preste. Grazas pola preocupación e pola publicidade, que a podiades meter no cu.

Ultimamente, coas cousas que pasan e oio, estou convencida de que hai mundos paralelos, e que non todos vivimos no mesmo. Coma a Galicia paralela de Josemi comentando as festas nas casonas de todas as mulleres que acaban en -ita e -esa (cuquita, pitita, florita, minuesa, vinuesa, marquesa, condesa...), ou a do cura que pon ao mesmo nivel a hipertensión e a homosexualidade, ou a dos profesores universitarios que convocan bolsas pensadas para novos licenciados e danse de conta de que é deixaron na convocatoria a porta aberta para xente da súa xeración que, por desgraza, correu peor sorte laboral ca eles...

A vida, por momentos, adquire tinturas surrealistas.

Eu, mentres, intentando apartar dos que pensan que cagan ouro. Directamente.

20.1.14

As series


Xa sei, están de moda, a internet fixo que o consumo de tv modificase. Xa non botamos tres horas para ver unha película cortada por anuncios que nin sequera acaba de gustarnos. Agora consumimos o que nos peta en doses que varían segundo a nosa dispoñibilidade.
Eu adorei algunha serie, outras consuminas con ansiedade, outras porque a onde vas tolo, a onde van todos, outras non quixen nin cheiralas, porque demasiadas temporadas obrigaríanme a botar demasiadas horas esforzando a vista.
Con todo, o meu nivel de inglés mellorou bastante, isto de velas en versión orixinal axuda ao tema.
Ultimamente engancheime a Les Révenants, unha de mortos que volven (non en plan zombi, é outra historia) e en francés (que gusto oílo). Non é xenial, pero si inquietante. Recoméndoa, claro.

Vaia apuntamento para comezar a semana: vexan vostedes series de mortos que volven á vida. Total, como isto está que parece máis morto ca vivo, pois…
Seino. O optimismo atacando en todo o seu esplendor… (non me enorgullece :D).

Esta noite soñei cos dircursos dunha persoa que tiña por boa, despois pasou a “rebulá-rebulá” (como din as miñas pelouras) e logo do que souben xa alcanzou o grao de MCNH (manda-carallo-na-habana). Ao final, todos esquecemos de onde saímos… éche case unha verdade absoluta.

Que vostedes teñan unha boa semana. Que os queiran e os valoren na súa xusta medida.

18.1.14

Winter is coming

A lista das substitucións parece que volve poñerse algo ao xeito. Iso e a non-convocatoria de opos anímame un pouco (síntoo polos que non, dígoo en serio, sei empatizar co tema).
A ver se con sorte, algo se move e mudamos aquilo que nos desacouga por novas responsabilidades que nos motiven, nos animen e nos fagan avanzar.

Deixo un vídeo que me gusta. A música case sempre é unha terapia estupenda. Que nunca nos falte, aínda que o resto escasee...


12.1.14

senWERTgoña

Estou vendo a entrevista ao ministro de educación... canta falta lle facía a el unha pouca educación!
Que sobraduría! Que desfachatez! Que actitude chulesca!

Estes días, está a prensa como para comela e morrer de indixestión. Que pena de mundo, que pena...

11.1.14

Un neno con comida, outro sen comida

Pareceume un vídeo boísimo. Deíxoo por se alguén aínda non o coñece. Ten razón. Deberiamos aprender.


4.1.14

A primeira entrada do 2014

E xa van alá 8000 visitas... sei que é unha humildade, pero para min é unha cifra enormísima, a verdade. Graciñas a todos os que me ledes con simpatía e, sobre todo, a cantos deixades anotacións ou me enviades mensaxes. Sempre é agradable recibilas.
A entrada no ano foi igualiña ca a saída. Vamos, que vivindo por riba das posibilidades... (de tanto que o repiten case se che mete dentro).
Vou falar só de banalidades, porque do serio quítache as ganas, isto vai de mal a peor.

Sentíndoo moito polos de Muxía, que non teñen a culpa, hai que FOD..... co tema da reparación inmediata custe o que custar... espero que a bulsa e os billetes do manto do que lles resta de vida romeira-lúdico-festiva-popular non vaia para engordar o cu das monxiñas, senón para as arcas públicas, que terá que cobrar o seu empréstito con xuros, digo eu. E mentres os do Pindo, por sinalar un desastre bastante máis profundo e con implicacións máis terribles, aínda están a velas vir... E o mesmo co cheque para os libros de texto... QUE NON HAI CARTOS...

Quero dicir. QUE COMERON OS CARTOS OS CURAS!! Ás veces penso que se houbese un plan de desamortización dos bens da igrexa, a xente aplaudiríao. Porque xa é demasiado...

Vaia, que no 2014 acompañaranos a mesma merda: empresas en saldo, depauperación da sociedade en xeral, pan e circo, pro-vida (MÁTAME CAMIÓN), pro-papanatismo, pro-moción de enchufados... e un longuísimo etcétera de despropósitos que cada día nos farán pensar: isto xa é o último...

Pero nós por fin sacamos xa de enriba as varicelas e xa puidemos facer algunha cousiña.

Onte fomos en tren ata a cidade en que ninguén é forasteiro, pagamos a considerable entradiña para ver 2 horas a casa dos peixes (es que te cierran a las 6) e con toda a ansia por ver os cabaliños e os peixes exóticos (ademais dos outros, claro). Total, que tiñan a sala pechada: nin cabaliños, nin peixes exóticos, nin crías, nin pelotas. Entón, decidimos ir ver como lles daban de comer ás focas (un frío quetecagas, un vento quetetumbaba, e unha varanda de diosmioquenomecaigaelniñoporaquiabajo), total, que traían unhas friameiras e dábanlles de comer discretamente, como debe ser, pero a nosa aventura quedábase nun: ooooooohhhhh, isto é todo canto imos ver? Pois si. Se ata os experimentos guais son de botarlle moeda de euro (mandacarallonahabana).
Acordeime do Oceanográfico de Lisboa, que obviamente non é comparable, pero chico, se non tes moitos recursos, bótalle imaxinación. As tatoias que curran alí, dedicábanse a ir co walkitalkie e con cara de modelo de pullandbear (isto é, rapaza nova, guapa, coa vida por diante e con cara de que che acaba de morrer a familia asasinada a sangue frío)... Supoño que se non contratas os servizos, non hai dinamización posible (pois neeeeeno, como din eles, 10 euros de entrada tampouco me parece unha ganga, xa que tes que facer as horas, un non sei que, ou un que sei eu, para que a visita non pareza un cemiterio de animais!). En fin. Papar diante do axolote pagou a pena. Un animal marabilloso, recordoume a Ponyo unha morea, e deunos para buscar despois os peixes, como son, como é o axolote e os anfibios, os cágados, as ras...
Xa foron ben investidos os 10 euros da entrada :D

Hoxe fomos á cidade da cultura. Era a primeira vez que a visitaba (ata agora negábame a facelo), pero mira, había uns concertos a cambio de agasallos... pareceunos unha boa idea.
Empezou tarde non, o seguinte (como dicía unha señora alí, todo o que pon de balde parece sinónimo de puteable, empezan cando queren sen cortarse un pelo). A verdade é que unha cousa para nenos ten que ir algo máis ao xeito, non pode empezar no medio da hora da merenda nin acabar á hora da cea (os que programan ás veces son coma eses tíos solteiros e sen fillos que che traen xoguetes monstruosos que non caberían a non ser que vivisen nun castelo).

Ao final empezou a última, e menos mal, porque a rapaza era ben graciosa e espelida. Fíxoo moi ben, o grupo é valenciano (creo) e chámase Candela y los Supremos. Foron ben simpáticos, aínda que a min me acabase rallando un pouco tanta canción de bicho. Iso si, a nena tenche futuro, moi desenvolta, controlando moito de música pop e de grupos modernos. Deuno todo!

Os segundos foron Bababum. A min, persoalmente, non me gustaron. Pero por alí parecía que si lles gustaba aos rapaces.

A casa da cultura pareceume monstruosísima, inaccesible e mal pensada para ningún tipo de función que se lles ocorra. Cando marchabamos, xa de noite, parecía que viñamos de descender aos infernos. Unha luz e outra acolá, que se alguén non rompeu unha perna xa foi todo un logro...

En fin. Déixovos un vídeo de Candela, porque é positiva e ten a vida toda por diante. Oxalá o seu mundo sexa sempre así de divertido (e non me vexa dentro de 10 anos escribindo aquí que se fixo unha hipster histérica e lasciva que se zumba os piollos nos platós de televisión :D)... é coña. A min os hipster parécenme os paduáns de toda a vida, pero é que eu non son nada moderna, son máis ben paduana, case podía pasar por hipster e todo...