Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.1.14

A primeira entrada do 2014

E xa van alá 8000 visitas... sei que é unha humildade, pero para min é unha cifra enormísima, a verdade. Graciñas a todos os que me ledes con simpatía e, sobre todo, a cantos deixades anotacións ou me enviades mensaxes. Sempre é agradable recibilas.
A entrada no ano foi igualiña ca a saída. Vamos, que vivindo por riba das posibilidades... (de tanto que o repiten case se che mete dentro).
Vou falar só de banalidades, porque do serio quítache as ganas, isto vai de mal a peor.

Sentíndoo moito polos de Muxía, que non teñen a culpa, hai que FOD..... co tema da reparación inmediata custe o que custar... espero que a bulsa e os billetes do manto do que lles resta de vida romeira-lúdico-festiva-popular non vaia para engordar o cu das monxiñas, senón para as arcas públicas, que terá que cobrar o seu empréstito con xuros, digo eu. E mentres os do Pindo, por sinalar un desastre bastante máis profundo e con implicacións máis terribles, aínda están a velas vir... E o mesmo co cheque para os libros de texto... QUE NON HAI CARTOS...

Quero dicir. QUE COMERON OS CARTOS OS CURAS!! Ás veces penso que se houbese un plan de desamortización dos bens da igrexa, a xente aplaudiríao. Porque xa é demasiado...

Vaia, que no 2014 acompañaranos a mesma merda: empresas en saldo, depauperación da sociedade en xeral, pan e circo, pro-vida (MÁTAME CAMIÓN), pro-papanatismo, pro-moción de enchufados... e un longuísimo etcétera de despropósitos que cada día nos farán pensar: isto xa é o último...

Pero nós por fin sacamos xa de enriba as varicelas e xa puidemos facer algunha cousiña.

Onte fomos en tren ata a cidade en que ninguén é forasteiro, pagamos a considerable entradiña para ver 2 horas a casa dos peixes (es que te cierran a las 6) e con toda a ansia por ver os cabaliños e os peixes exóticos (ademais dos outros, claro). Total, que tiñan a sala pechada: nin cabaliños, nin peixes exóticos, nin crías, nin pelotas. Entón, decidimos ir ver como lles daban de comer ás focas (un frío quetecagas, un vento quetetumbaba, e unha varanda de diosmioquenomecaigaelniñoporaquiabajo), total, que traían unhas friameiras e dábanlles de comer discretamente, como debe ser, pero a nosa aventura quedábase nun: ooooooohhhhh, isto é todo canto imos ver? Pois si. Se ata os experimentos guais son de botarlle moeda de euro (mandacarallonahabana).
Acordeime do Oceanográfico de Lisboa, que obviamente non é comparable, pero chico, se non tes moitos recursos, bótalle imaxinación. As tatoias que curran alí, dedicábanse a ir co walkitalkie e con cara de modelo de pullandbear (isto é, rapaza nova, guapa, coa vida por diante e con cara de que che acaba de morrer a familia asasinada a sangue frío)... Supoño que se non contratas os servizos, non hai dinamización posible (pois neeeeeno, como din eles, 10 euros de entrada tampouco me parece unha ganga, xa que tes que facer as horas, un non sei que, ou un que sei eu, para que a visita non pareza un cemiterio de animais!). En fin. Papar diante do axolote pagou a pena. Un animal marabilloso, recordoume a Ponyo unha morea, e deunos para buscar despois os peixes, como son, como é o axolote e os anfibios, os cágados, as ras...
Xa foron ben investidos os 10 euros da entrada :D

Hoxe fomos á cidade da cultura. Era a primeira vez que a visitaba (ata agora negábame a facelo), pero mira, había uns concertos a cambio de agasallos... pareceunos unha boa idea.
Empezou tarde non, o seguinte (como dicía unha señora alí, todo o que pon de balde parece sinónimo de puteable, empezan cando queren sen cortarse un pelo). A verdade é que unha cousa para nenos ten que ir algo máis ao xeito, non pode empezar no medio da hora da merenda nin acabar á hora da cea (os que programan ás veces son coma eses tíos solteiros e sen fillos que che traen xoguetes monstruosos que non caberían a non ser que vivisen nun castelo).

Ao final empezou a última, e menos mal, porque a rapaza era ben graciosa e espelida. Fíxoo moi ben, o grupo é valenciano (creo) e chámase Candela y los Supremos. Foron ben simpáticos, aínda que a min me acabase rallando un pouco tanta canción de bicho. Iso si, a nena tenche futuro, moi desenvolta, controlando moito de música pop e de grupos modernos. Deuno todo!

Os segundos foron Bababum. A min, persoalmente, non me gustaron. Pero por alí parecía que si lles gustaba aos rapaces.

A casa da cultura pareceume monstruosísima, inaccesible e mal pensada para ningún tipo de función que se lles ocorra. Cando marchabamos, xa de noite, parecía que viñamos de descender aos infernos. Unha luz e outra acolá, que se alguén non rompeu unha perna xa foi todo un logro...

En fin. Déixovos un vídeo de Candela, porque é positiva e ten a vida toda por diante. Oxalá o seu mundo sexa sempre así de divertido (e non me vexa dentro de 10 anos escribindo aquí que se fixo unha hipster histérica e lasciva que se zumba os piollos nos platós de televisión :D)... é coña. A min os hipster parécenme os paduáns de toda a vida, pero é que eu non son nada moderna, son máis ben paduana, case podía pasar por hipster e todo...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...