Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

20.1.14

As series


Xa sei, están de moda, a internet fixo que o consumo de tv modificase. Xa non botamos tres horas para ver unha película cortada por anuncios que nin sequera acaba de gustarnos. Agora consumimos o que nos peta en doses que varían segundo a nosa dispoñibilidade.
Eu adorei algunha serie, outras consuminas con ansiedade, outras porque a onde vas tolo, a onde van todos, outras non quixen nin cheiralas, porque demasiadas temporadas obrigaríanme a botar demasiadas horas esforzando a vista.
Con todo, o meu nivel de inglés mellorou bastante, isto de velas en versión orixinal axuda ao tema.
Ultimamente engancheime a Les Révenants, unha de mortos que volven (non en plan zombi, é outra historia) e en francés (que gusto oílo). Non é xenial, pero si inquietante. Recoméndoa, claro.

Vaia apuntamento para comezar a semana: vexan vostedes series de mortos que volven á vida. Total, como isto está que parece máis morto ca vivo, pois…
Seino. O optimismo atacando en todo o seu esplendor… (non me enorgullece :D).

Esta noite soñei cos dircursos dunha persoa que tiña por boa, despois pasou a “rebulá-rebulá” (como din as miñas pelouras) e logo do que souben xa alcanzou o grao de MCNH (manda-carallo-na-habana). Ao final, todos esquecemos de onde saímos… éche case unha verdade absoluta.

Que vostedes teñan unha boa semana. Que os queiran e os valoren na súa xusta medida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...