Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

21.1.14

O ciclo morreu, viva o ciclo!

Desde que volvemos das vacacións do Nadal, así están as cousas no meu ciclo (digo meu por dicir algo, que non o quería na casa nin de guasa!):
De 5 materias o estado da cuestión vai como segue:
-Unha abriunos unha unidade e unha das tarefas. Máis nada.
-A outra tiña unidades xa abertas. Propúxose unha tarefa. Máis nada.
-Outra non abriu nin unidades, nin tarefas, nin se conecta, nin titorías, nin responde dúbidas...
-Outra está morta. Cero actividade.
-Outra máis está morta. Cero actividade. Era a máis dinámica mentres a levou un substituto, que animaba o foro, propoñía debates, discusións, atendía titorías, conectábase continuamente... Vese que o titular conéctase cada 15 días e só porque debe abrirse automaticamente se prende o ordenador.

Que marabilla de ciclo. Debe ser o orgullo do centro, como mínimo... Cando me pasen a enquisa de satisfacción, non me vai dar a semana para cubrila.

E hoxe mentres tomaba o café, na mesa de atrás había 3 profes comentando a vida dos alumnos e das alumnas, a viva voz, dando nomes e apelidos e resaltando intimidades coma se non houbese pudor, discreción nin máis de que falar (tal se acuesta con tal, ¿no lo sabías? pues no es que lo escondan mucho, a tal los padres le compran una moto y eso que su situación económica no se lo debía permitir, a tal ya le aprobamos por caridad tal asignatura y ahora llegó el amor a su vida y la tía se dedica a enseñar cacha, la muy desagradecida...).

Xente coma a do ciclo e coma estes tres tristes tigres son o que nos afean a profesión, a verdade.

(Por certo, as tres eran mulleres. Pareceume significativo o despelexe ao que sometían, sobre todo, ás rapazas... Vexo que a mentalidade ranciosa e machista sigue bastante en boga, que só lles faltou algún dos tópicos tipo ligerita de cascos para poñerlle a guinda á mandangada toda que as enredou na hora do café)

Como di a canción Sólo le pido a Dios... que nin me deixe ser tan preguiceira nin chegar a falar nunca dos meus alumnos e alumnas con esa alegría, sen discernir a árbore do bosque, e pensando que son unhas persoas da miña idade (e polo tanto con capacidade de defensión) ás que podo criticar abertamente onde sexa (se esa fose a miña natureza). Non dixen nada porque ultimamente, neste WILD WORLD xa aprendín que moito hai que calar a boca. Pero era como para pararse e soltarlles o espiche, ou simplemente presentarme e dicir: Ola, son a nai de XX, e si, xa sei que se deita con XX, e ten o meu consentemento e aprobación para ter relacións sexuais saudables e consentidas con quen mellor lle preste. Grazas pola preocupación e pola publicidade, que a podiades meter no cu.

Ultimamente, coas cousas que pasan e oio, estou convencida de que hai mundos paralelos, e que non todos vivimos no mesmo. Coma a Galicia paralela de Josemi comentando as festas nas casonas de todas as mulleres que acaban en -ita e -esa (cuquita, pitita, florita, minuesa, vinuesa, marquesa, condesa...), ou a do cura que pon ao mesmo nivel a hipertensión e a homosexualidade, ou a dos profesores universitarios que convocan bolsas pensadas para novos licenciados e danse de conta de que é deixaron na convocatoria a porta aberta para xente da súa xeración que, por desgraza, correu peor sorte laboral ca eles...

A vida, por momentos, adquire tinturas surrealistas.

Eu, mentres, intentando apartar dos que pensan que cagan ouro. Directamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...