Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

12.2.14

A alegría

Onte deixou de chover por unhas horas, así que nos apuramos correndo para o parque. Como non había moita xente, decidimos ir dar un paseo polo río, para que as nenas visen a forza da auga despois de tantos días de chuvia.
Pero polo medio batemos cun outro parque, e como había tantos días que non o cheiraban, enseguida me pediron para quedar un pouquiño. Como xa outeei desde lonxe que había con quen botar un conto mentres enredaban, alí nos fomos.
O caso foi que nada máis cruzar, dúas nenas chamaron a berros ás miñas pelouras e as catro correron abrazarse berrando coma se non se visen en millóns de anos.
Eran dúas compis de cole, e tolearon as catro xuntas xogando a que as perseguía un lobo imaxinario, dun lado ao outro.
A min deume moita graza velas, tan contentas as catro, tan despreocupadas e organizando o xogo coma se o levasen preparado da casa.
Estaba empezando a pensar que os meus dous coellos (que cada día o son máis) só se relacionaban entre elas, porque sempre son respostas do tipo A miña amiga é Icía, a miña amiga é Carmela... coma se o resto dos pelouros do cole non existisen, nunca nos contan nada e cando o fan, incorren en tanta contradicción que non sabemos moi ben a que aternos.
Pois ben, aí parecía que se querían con paixón as catro e, aínda que non sexa certo, divertíanse e rían coma se o fose.
Eran catro alegrías en catro corpos pequenos desafiando o frío, o mal tempo, e o escaso medio metro cadrado de parque que lle tocaba a cada unha (logo de facer a división entre nais, pais, avós, carros, nenos, nenas, pozas e aparellos de diversión infantil variados).
Hai días que moito paga a pena saír da casa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...