Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

6.2.14

Born to be alive ou, parafraseando ao gusto, nacida pra espabilar!


Alá polos finais dos setenta o autor desta canción deixou a súa vida monótona para lanzarse a producir música disco na procura de diñeiro e estímulos que o fixesen ser máis feliz e triunfar. A finais do 78 a canción comezou a soar e xa no 79 pegou forte (e aquí chego eu ao mundo mundial) e aínda hoxe vive dos dereitos dos fans do revival da música disco.
Como, e case con total seguridade, ninguén ha escribir as miñas memorias nin biografía, vou ir facendo eu o traballiño, creando a ficción de que vaia ser relevante (en realidade todo ten a importancia que se lle dá, xa é ben sabido) e abríndolle o picho da presión ao ego tamén un pouquiño, que desde que me cambiou o estatus vital, podo ir pola rúa con bigote que ninguén se decataría.
(Moito me pregunto como non lles dá dor de barriga a todas esas mulleriñas que ao casar experimentan un cambio de apelido, a min que non me recoñezan polo nome xa se me fai raro, raro, raro…).

O caso, tal día coma hoxe, alá polo 79 nacía a segunda dos meus pais –atrás virían dous máis- nun contexto social dos que era coma para ir mexar e non botar gota. Polo menos o señor ditador xa levaba os seus interiores comestos polos vermes, inda que deixara unha sombra tan alongada que 35 anos despois seguimos outeando en cada cornecho…
Filla da emigración masiva a Europa produto da forte crise dos oitenta e mergullada no que hoxe chamarían familia desestruturada ou deconstruída (coma a cociña de autor; gústame máis ca o da desestrutura, que soa coma feita merda pinchada nun pau, o outro soa máis a que sei eu moderno) e que antes designaban cun resignadísimo éche-o-que-hai ou cun temos-que-ir-indo, que, polo que se ve, é tamén unha cuestión cíclica (a da tiranía, quero dicir, ah, tamén a da emigración masiva, tamén, tamén… e xa non sei se a da resignación considerala cíclica ou darlle xa o seu merecido estatus de pandémica).

En fin, remexendo nas efemérides, vexo que tal día coma ese, mentres miña nai me traía ao mundo, grande e repoluda, avanzando que a miña constitución física é así de nacenza e que de onde non hai non se pode sacar, condenaban a Ali Buttho (exprimeiro ministro paquistaní, fundador do Partido Popular de Paquistán) a morrer na forca acusado de asasinar un adversario político.

Non vou engadir nada, que o ton na escrita dilúese. Non vaia ser que me condenen por facer apoloxía do que non pretendo… (desa que se pode condenar nos xulgados hoxe en día, claro, da outra pódese facer sen problema, iso si, se vai canda unha misiña, mellor aínda, que dan máis puntos despois para entrar no ceo e ter barra libre na eterna discoparty de nuestroseñoriño).

Son nacidos un 6 de febreiro unha cheaza de artistas (Bob Marley entre eles), escritores, actores e actrices, políticos (comparto data con Pepe Blanco, non sei se chamalo e que se produza algún tipo de feeling entre nós –cousa improbable- e me faga chegar a ministra, que é a onde dicía meu avó –coma todos os avós do mundo que aspiran a saír da clase media a conta dalgún neto que despunte- que chegaría, confirmando que o amor en verdade é cego e nubra o raciocinio). E tamén foi o día en que morreron Klimt, Tàpies e Maruxa Mallo…

Din dos acuarios de primeiros de febreiro que somos desinteresados, humanitarios, imaxinativos, empáticos, resolutivos e moi ensoñadores. E que por esta razón moitos acuarios acaban sendo médicos, mestres, artistas, voluntarios e todas aquelas profesións que requiren de vocación e que teñen unha grande dose de compoñente… chamémoslle, humano. (Só quero confiar que non veña ningún ditador, desgraciado ou fascistoide acuario botarme por terra a teoría, que esta parece que me gusta e que me acaba de convencer).

Grazas a nacer a comezos de ano era unha das máis vellas da clase, á que me incorporei tarde, e as miñas destrezas motoras, loxicamente, ían por diante dos pequerrechos. Isto ao final xogou na miña contra, pois o manexo do punzón con habelencia levoume polos derroteiros de darlle á barbela nas horas mortas, así que de aí á EXB non me librei xamais do apuntamento de “habla mucho en clase y molesta a sus compañeros” no boletín que me humillaba trimestre tras trimestre diante do resto de nais (sobre todo) que asentían e me aconsellaban con certa maldade que había que gardar algo máis para o corazón, non había que botalo todo fóra, que non había necesidá.
Vivín a escola coma unha condena por momentos e coma unha explosión de felicidade por outros (petándolle á bipolaridade desde os tempos dos tempos). Metinme de bo grado en todos os follóns inimaxinables, dos que case sempre saín con ben e o instituto foi coma bater coas portas do ceo abertas.
Entrei na facultade de filoloxía dubidando entre aventurarme nela, no mundo do xornalismo ou nas ciencias políticas, e ao final púidome o amor pola literatura e a pouca cabeciña.
Aos poucos meses, o amor pola literatura non se me diluíra, pero o amor pola carreira estampárase contra un muro de chinitas verdes (o da facultade), porque en moitos casos para afondar en efemérides xa chegara a era da internet á miña vida, o outro era por demais. Así que da facultade aproveitei outras boas cousas, aínda que non precisamente os saberes literarios cos que nos ilustraban acotío.
Vivín moito. Non teño queixa.
Algunhas cousas permaneceron, moitas persoas levan canda min –para a miña fortuna- desde xa nin lembro cando, outras pasaron puntualmente e foi estupendo, outras cruzáronse case sen deixar pegada e as que quedaron atrás –pouquiñas- foi porque non puido ser ou as circunstancias non o permitiron. E sen máis.
Chego aos 35 máis contentiña ca un cuco porque o bo é que non teño un agasallo unha vez ao ano. Téñoo todos os días e é de moita dura e para as medras. Así que non se pode pedir moito máis.
Que eu cumpra moitos máis, e que vostedes o vexan… non é?

BORN TO BE ALIVE!

2 comentarios:

  1. Sempre me gusta moito lerte, parabéns por eses 35 e, mentres poidamos, aquí seguiremos ;)

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Laura, eu tamén te leo con simpatía, paréceme que fas reflexións moi lúcidas (e tamén moitas veces divertidas) da vida. Ademais, gústame moitísimo como retratas en debuxos moitas cuestións :D Vémonos pola rede!

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...