Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.2.14

Con banda sonora

A min non me estraña que a xente vaia diario colgada dos seus pequeniños altofalantes (ía dicir walkman, que desfasamento temporal!!!), porque a verdade é que a vida vese distinta segundo a banda sonora que te acompaña. Cámbiache ben, inda que o feito sexa o mesmo.
Estes días estou alucinando co xiro á dereita dalgún xornal, con titulares escandalosos, flipando coa idea que se ten do inmigrante, o que vale unha vida según de onde sexas, a desfachatez da clase política xa a todos os niveis (falando de cartos, de seres humanos e de botar a partida todo ao mesmo nivel).
O seguinte a anoxada coa manipulación de datos -currículos persoais incluídos- e coas mentiras a ollos vista.
A Compostela ímola rebautizar como Santiago de Pokemón, que lle vai máis ao pelo.
E o que máis me deixa fría é como se tratan, polo  menos os moinantes da miña terra téñense máis respecto entre eles e aos seus vellos. Non digo que non rouben, pero teñen ata máis categoría moral e verbal.
Que maneira tan ruín de descualificarse entre compañeiros de goberno. A min a Paula Prado loando a Vendex por lle dar regalos xa antes das concesións e fregando as mans polo que viría unha vez se desen é que me deixa sen alento...
Ai miña madriña, estámosche ben peor do que pensabamos!
E polo resto, máis cousiñas, moitas máis, pero agora só tiña un momentiño para isto e acordoume o que boto en falta Tréme antes de durmir, que me facía adormecer cunha banda sonora xeitosa. Así que deixo unha das cancións que se pode oír alí.
Por certo, onte, o condutor do bus levaba unha cinta (ou cd, xa non sei, ou igual o levaba nun usb, a monda!) de Ana Kiro. Ao primeiro ralloume un pouco, porque ía moi alta e eu non son das que leva walkman nas viaxes porque me gusta ir poñendo o televés en conversas alleas (si, que pasa, non é con ánimo de maldade ningunha, é que me dá material para conversar, ou escribir, hehehehe). Ao final deume algo de risa, porque cando saíu Miña vasoira, vasoira miña, hai hoxe un ano que non várre-la cociña, representóuseme meu irmán, 20 quilos de personaxe -todo ósos- cantando coa vasoira a todo trapo na casa de meu avó... E recordei o que se partían con nós os nosos tíos, tías e avós, que nos incitaban a facer chorradas para esmendrellarse... Que tempos! E vivilo agora desde o outro lado, sendo a incitadora, é que me dá máis risa aínda, e as que quedan!!!!

O dito, banda sonora aí vai, escoiten porque paga a pena.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...