Educar éche complicado. Éche complicado de carallo.
Na maioría das ocasións atópaste preguntándote se o estás
facendo ben, mal, se é racional, congruente o que estás transmitindo… a
pedagoxía tenche moitas reviravoltas.
O outro día nun local público había varios nenos. Algún
trataba unha das cadeiras coma se fose unha mestura de saco de boxeo e cadeira
de pilotaxe de videoxogo. A dona do establecemento poñía cara de non pasa nada,
aínda que iso animaba a que os outros tamén participasen no asalto.
En canto vin que as miñas pelouras se sumaban ao cotarro,
chameinas a capítulo, para que vaian distinguindo o que é un xoguete, e o que
non (alí mesmo había zona de xogos para pequenos, así que non había escusa!!!),
e a propietaria dime: déixaas, muller,
elas ven os outros tamén… total xa…
Que???????? Respondín cun: a min non me importa o que fagan os outros.
Vedes por onde vou? Non só estaba educando as miñas
pelouras, penso, e mostrándolles que non todo vale e que hai que diferenciar os
contextos para adaptarse a eles, senón que estaba velando abertamente polos
intereses da rapaza… e sáeme con esa!!!!
É difícil saír de moitas situacións con tacto, porque as
caras das outras nais alí presentes (algo que tampouco me mata) pasaron a ser
pouco menos que amigables.
O caso é que onte fomos a un chiringuito destes de bólas
para nenos, porque ía un frío que non se paraba fóra.
Nada máis chegar xa albisquei unha marimandona que rapidamente, como boa marimandona espelida, localizou as súas primeiras dúas vítimas para
poñelas ao seu servizo, xa é coñecida, así que nada máis chegar xa pensei, merde, vaime ferver o sangue…
Total, aos dous segundos xa as tiña encerradas, quietiñas,
feitas prisioneiras, mentres ela xogaba.
E as miñas paponiñas, obedientes, alí encerradas nada máis
estrear a sala de xogo.
Fun ata alí e díxenlles: nenas,
viñemos xogar e pasalo ben, vós pasádelo ben así encerradas? (non), pois ale, a xogar por aí adiante como
queirades…
Bufff, a marimandona
mosqueouse e leulles a cartilla por saírlle da prisión.
Entón prenderon a música do local e as luces e as miñas xa a
escape para bailar ao escenario.
A marimandona
chega e dilles (xa sumara outra secuaz máis paioliña coma as miñas): ahora yo subo y bailo y vosotras sois el
público que aplaude.
E fixéronlle de público unha canción, e outra, e outra… e
ela veña bailar, tirarse, mirarse e remirarse, recreándose no moito que se
gustaba e pedíalles aplausos e apupos…
Total, fun ata alí intervir: nenas, vós queredes bailar? Pasádelo ben facendo de público? (non),
pois veña, a bailar…
Pero a marimandona
non cedía e escorrentábaas do escenario, así que non houbo xeito. En canto
subiron, proclamou a festa acabada e boicoteoulles o baile.
Veña, a outra cousa. As miñas foron para os bambáns, pero
entón ela pediuse prime, montou e
bambeouse canto quixo. Mentres a fileira non se movía.
E propuxo ensinarlles un xogo de tocar na parede, pero a
demostración nunca remataba… Se hace así,
así, así, veis? Se hace así, así, así…
Así que eu xa cabreada, logo de media hora alí recocida polo
pouco espírito das miñas pelouras que pasaran a tarde adorando unha nena con
bastante ego e incluso mala hostia (a manipulación que intentaba era bastante
máis fina e retorcida do que explico aquí), fun de novo ata alí e díxenlles: dado que non queredes xogar, marchamos xa,
vale? (noooooon!!), pois entón a
xogar, última oportunidade, ide para os tobogáns ou para onde queirades, pero
quero vervos xogando.
Aos tres minutos escoito: jugamos a que yo soy la mamá y vosotros los bebés y os empujo por aquí?????
AAAAAAARRRRGGGGGGGGG!!!!!!!
Pero entón, a falta de cuarto de hora para marchar, apareceu
a nai da susodita recoller a súa marimandona
e levala con ela. E fíxose a luz.
Desde ese momento, as pelouras, libres de quen as gobernase
pola zona de xogos, correron, saltaron, lanzáronse, xogaron co resto de
pelouros que andaba por alí…
Entón preocupeime de verdade.
Estaremos facéndoo mal? Intentando que nos obedezan facemos
que pensen que teñen que obedecer os seus iguais tamén, aínda que teñan
comportamentos tan tiranos? A que idade van distinguir cando un xogo é
equitativo ou con roles específicos ou cando simplemente bateron cun ego que as
necesita para colaborarlle na autocompracencia? Temos que educar para a
desobediencia? Inmiscuiríame demasiado?
Voume documentar a fondo, pero penso traballar arreo para
que non caian nin no marimandonismo,
nin no servicialismo cero crítico…
Non me gusta ningunha das dúas actitudes un peso.
Non sei como se fai, pero penso pescudalo, ainssssss…