Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

17.3.14

A primeira morriña

Que recordo na vida é  esta. O pan.
Acordo saír da primeira clase na facultade e parar na panadaría mercar un anaco de pan. Apenas recoñecía ningunha das pezas e todas me parecían tan de plástico e tan rebozadas na fariña por fóra que pensei que me metera na peor das panadarías de Compostela.
Despois, cos anos, descubrín que tiñas que entrar nas tendas pequenas, ou nas panadarías que poñían de que fornos traían o pan.
Pero mentres o descubrín, vivín con esa morriña dese sabor a pan de verdade, do que non precisa nada polo medio para que se che debuxe o sorriso na cara.
Cando chegaba á casa, o primeiro que facía era botarlle o dente a un cacho de pan, e aspiraba ese cheiriño a fariña cocida co seu tempo, despois de que o forno quecese coa leña.
Aínda hoxe, cando vou á casa, non hai día que non lle dea un bo saque ao panciño... e ao pan de ovo e ao biscachón!!
É unha das cousas que me dá mágoa que perdan os meus rebentos, unha entre moitas outras...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...