Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

5.3.14

Serán os números uns estraños...?


Hoxe leo con certo estupor, pero xa agardado no fondo, que a medida Wert de garantir o ensino nunha das linguas cooficiais no territorio en que haxa máis dunha só vai nunha dirección.
Si, nesa que pensades. Este home o de lingua A e lingua B asumiuno coma quen asume que polas mañás se almorza, aos mediodías xántase e pola noite céase. Está tan afeito que case nin reparara e tivo que mandar chamar unha asesoría xurídica para deixar o asunto ben amarrado.
E velaí. Xa se me frustraron os plans de montar a perrencha na consellaría cando me tocase. Outra que me aforran sen eu pedilo. Este maldito goberno calquera día méteseme na cama e pídeme que lle quente os pés.
Xa gobernan no que como, no que falo, no que escoito, no que fago co meu corpo, no que cobro, nos cartos que meto no crownfounding
Agora cobroume sentido o verbo gobernar como o din os vellos (case sempre acompañado das palabras nora, xenro ou querida): metéuselle na casa a nora para gobernarlle todo.
Seguro que moitos a oístes.
A min xa me cheira o da ghobernación.
O caso é que hoxe pensei de novo no asunto. Logo de ler a noticia e volvín reparar na trascendencia que iso vai ter para nós, que vivimos nun ambiente totalmente castelán-falante.
O da lingua nai igual regresa contra o final da adolescencia, se temos sorte, o que vai polo medio xa sei eu en que lingua se vai dar.
(o caso é ter saúde, queren consolarme, seica si)
Pero inda con todo, hai unha parte de vocabulario que se vai perder, o que te capacita para a vida e non só para a vida familiar (é que o penso e véñenme á cabeza esas campañas cos pobres argumentos de querelo porque é noso, coma se fose un fillo que che sae parvo ou desgraciado perdido, pero que o queres porque é teu)…
As miñas pequenas non van escoitar os números, xa non digo máis, en galego. Quitado aqueles que saian esporadicamente nos textos de lingua (se se dá o caso) ou os que nos escoiten a nós pola casa.
Alguén pode imaxinalo?
Dúas pequenas de seis ou sete anos que non acaben de visualizar cando a súa nai lles diga que lles vai dar ducia e media de chaparretas no cu (non se me malinterprete, chaparretas de aceiteira, vinagreira, chas con ras…), ou que xa lles mandei recoller cincocentas mil veces o cuarto, ou que chamei por elas en vinte mil ocasións, ou que as dúas son unha parella moi feitiña, que só poden ver a tele ata as e cuarto, ou que me axuden a amasar un cuarto de quilo de fariña, cuns douscentos centilitros de auga…
De verdade van ser alleos o sete, o vinte, o corenta, o oitenta, o décimo terceiro, o moio, o ferrado, a onza… que as rodea por todas as partes?
E que vai vir despois…?
Quen diga que se non o proceso pode ser á inversa, que o descoñezan en castelán, que pase pola miña casa, que lle mostro empiricamente como vai o asunto.
Sen ánimo de agravios comparativos, desde o pato Dónald ata Pocoyó, pasando por Dora a exploradora e barrio sésamo, todos se encargan de repetir números enteiros, partitivos, ordinais, cardinais… e se me apuras, ata a medida en pés, iardas e orellas de rato fantástico.
A vida é inxusta.
E o Wert coa súa unidireccionalidade xusticeira acaba de complicarma aínda máis.
solo es una medida hecha para el caso catalán
Contamos tan pouco, que nin sequera reparara que lle podían crecer os ananos en Galicia.
Co comandante que temos, pensou que aquí estabamos todos xa amansados. A este plepa si que xa lle daban as contas…

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...