Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

1.4.14

A escrita

Ultimamente moitas veces véñenme á cabeza historias que quero levar ao papel, pero que non dou conseguido plasmar.
Cando me queda un momento entre o que teño que facer, xa me pasou a historia por diante, ou non teño gana de prender o ordenador.
Pensei en recuperar a idea de levar o caderno canda min. Coma nos vellos tempos. Pero ao final era revisalo e atopar un monte de ideas inconexas, absurdas, mal desenvoltas ou que sei eu.
Sempre fun demasiado crítica coa cativeira produción que conseguín ir salvando de ordenador en ordenador, de caixón en caixón.
A verdade é que supoño que iso é o que ten que ser.
Leo cousas por aí adiante, publicadas, que penso eu se non lle dará vergoña propia ao autor ou autora telas no mercado.
É un feito que non todos valemos para contar.
De calquera xeito, de cando en cando dáme gana de poñerme e probar sorte, enviando algún orixinal, ou presentándoo a un concurso.
Presenteime só en catro ocasións a un concurso, e desas catro gañei algún premio en dúas. Pero aí quedou a miña cativa contribución.
Da miña cabeza non saen boas historias.
Andei un tempo remoendo na idea de cruzar historias das que me gustan a min, de xente borderline ou con algún tipo de rareza ou eiva, como se adoitan considerar. Pero ao final sempre me resulta complicado ou non dou aquelado un fío condutor que as poña en relación sen resultar demasiado obvio e estupidizante.
É complicado manexar o que queres dicir como autor e avalialo despois como o que queres ler como lector.
A min non me gusta que me dean moitos datos, que non me deixen nada para completar, ningunha referencia que conectar, ningún momento que me faga voar... E ultimamente abunda o explícito e mastigado, sobre todo na literatura para xente nova.
Eu non sei de que pereira caeu algún dos autores cando presupón que os seus lectores son algo lerdos e precisan leccións de moralidade e un fío argumental simple e ben conexo.
De aí que nas poucas ocasións que intentei algo o deixase case ao comezo. Eu non podería ser politicamente correcta. Sempre me vai a cabeza para o outro, se teño que pensar en inzar as miñas liñas de educación transversal dáme gana de trousar. Penso que para iso xa están outras cousas.
Moitas veces descubrir algunhas lecturas pouco recomendables para a miña idade foi o que me fixo abrir os ollos a realidades que a miña vista e a miña experiencia vital non me alcanzarían a ver nin de esguello.
Os andeis máis altos da biblioteca, coa bibliotecaria facendo a vista gorda, proporcionáronme innumerables puntos de vista e centos de historias que contribuían a que o día a día fose máis emocionante, excitante e rico do que serían doutro xeito.
O caso é que estes días estou remoendo unha historia para unha cuestión. Cando a reviso, de cando en cando, penso que non me acaba de convencer e entón téntame darlle ao SUPRIMIR... pero despois penso que tamén debería deixar xulgar, quizais tampouco é tan ruín como eu a cualifico... De novo téntame o escachizala. Volvo pensar en deixárllela ler a alguén de confianza. Pero a vergoña supérame e a autocrítica faime pensar nun non grandísimo...
A escrita. Que grande proceso. Iso que para algúns resulta tan fácil e para min tan complicado...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...