Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.4.14

Abandonei o ciclo

Por se alguén aínda non se decatara...
Superou amplamente a miña capacidade de aguante de desidia e de materiais ruíns.
Pregúntome eu se os contidos que lles van ofrecer aos centros estes modernísimos da consellería de educación van ir por ese nivel... porque de ser así xa poden ir presignándose os que digan SI ao proxecto, así ás cegas e confiando no bo facer deste goberno en materia educativa (sen saber exactamente cal vai ser o proxecto, a metodoloxía, o material...).
Ordenador á última, tableta á última, encerado á última, plataforma á última... contidos que arrepíen ou dean mágoa, ou parciais, ou pouco pertinentes, ou non vidos ao caso, ou non adaptados...  (ou os  cutre-pdf que nos proporcionan a nós, que che fan sangrar os ollos só con velos).
(ou é que se contratou un batallón de pedagogos, psicopedagogos e especialistas de cada materia na consellaría?????, se cadra, estou falando demais... -oxalá)

Eu como nai non quero para as miñas fillas un centro en que durante 6 ou 7 horas non se desapeguen dunha pantalla. Non lles deixamos nin cheirar un móbil, como para entregalas a ese sacrificio voluntariamente!!! Se lles tocase o caso... podo negarme? Vou ter que ir pedindo un certificado médico para que non mas sobreestimulen e mas deixen pitoñas a golpe de primaria? Garantiranme praza noutro lugar máis ao xeito en que non vexan que só as TIC valen e onde se faga un uso racional e axeitado para a súa idade? Avalarame algún estudo???? Ai... éntrame canguelo só de pensalo, iso que son fan absoluta das novas tecnoloxías!!
Por que diaño non se reivindicará que aprendan a sachar na horta e a cheirar as plantas e as flores no canto de chantarlles un FarmVille diante? Por que non poden contar as herbas do patio en vez de ter que contar as accións da bolsa? Por que non constrúen un vehículo autopropulsado coas súas manciñas e en equipo en vez de calcular en soidade os traxectos que fai o metro nunha gran cidade? Por que non aprenden a compartir a merenda e a empatizar co compañeiro como un igual, en vez de potenciar que saiban o valor (relativo) do diñeiro no mundo e a asumir roles para o mundo neoliberal que nos meten ata polos ollos?

Estou desolée... eu non quero que mas usen de cobaias neste plan sen moito sentido. Eu quero que se fagan as cousas ben, que se expliquen, que se razoen, que me digan cal é a xustificación, a viabilidade e a trazabilidade dun xiro así. Se non, que non conten coa miña complicidade, a min non me deslumbran os cantos de serea, que cantas máis novas tecnoloxías, máis espabiladas me sairán e máis triunfarán... a min non me pasa iso por bo, vaiche boa!

Os contidos da fp xa foron fonte de moitas discusións, e protestas, tanto por parte do alumnado coma do profesorado. Se alguén quere botarlle un ollo, eu teño moitas unidades no ordenador, son coma para velas. Espero que non asinasen contrato con esta mesma xente, que ten como referente único para explicar todo o que pasa no mundo á selección española de fútbol.
Dáme rabia abandonalo, máis que nada, pola frustración que sinto de que a ninguén lle importe a razón. Nin á titoría, nin á dirección, nin á xefatura de estudos... xa non vou ir a máis.
Só me serviu para entender un pouco mellor certas cousas, que espero non esquecer para cando volva á docencia.
Pensando moito en volver, a verdade, inda a pesar do panorama.

Volvendo ao tema, pregúntome eu, se en moitos lugares en que se comezou a traballar só con contidos dixitais xa quedou demostrado que non conduce a un nivel maior de excelencia, e que en moitos casos incluso se produciron efectos pouco desexables... cara a onde camiñamos nós? Non sería mellor observar, introducir pouco a pouco, ir probando vías, facendo convivir diferentes opcións que se poden complementar...?
Aquí a saco! Máis papistas ca o papa, a poder ser. Somos máis paletos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...