Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

11.4.14

O panda Pandejuevo


Temos pensado levar as pelouras a unha viaxiña e prometemos ver o zoo (non é que me encante, pero é a súa oportunidade de experimentar ver animais, eu non teño a culpa de sermos uns urbanitas sen confianza con ninguén que teña bicherío, é triste dicilo, pero é o que hai e o que penso sobre os zoos en fin… pois tampouco é a repanocha, pero acórdome a miña primeira e única visita ao zoo e lembro que fun moi feliz).
O caso. Estabamos onte falando do tema e díxenlles: ademais, naceu un panda novo, e seica non ten nome, ao mellor déixannos poñerlle un.
Unha das pelouras, que ten como oso co que dorme e mellor amigo un panda dixo: podemos poñerlle pandoti, coma o meu panda.
Si, engadín eu, ou pandeiro, ou pandeireta, ou superpán
E a outra peloura, que estaba reflexionando solta: ou pandejuevo, pandejuevo é moi bonito e ademais está moi rico

Saltábannos as bágoas da risa. Eu só imaxinar un panda no zoo chamado pandejuevo esmendréllome. Pensar neses pais da capital do mundo dicindo: vamos niños, hoy vamos a ir a ver a Pandejuevo

Non podo coa miña vida.

*nota: pandejuevo é como lle chamamos ao pan de ovo (rosca en moitos lugares) pola miña terra. Non me preguntedes o porqué, porque ninguén di ghuevo, todo o mundo di ovo, pero quedaríalles máis fino ou que sei eu, o caso é que é así de coñecido e ademais moi popular e cómese todos os domingos…

Ai, Pandejuevo, ao final chamácheste Xing Bao, pero para min sempre has ser Pandejuevo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...