Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

3.4.14

O santo cristo do film de cociña

Paradoxalmente, cando empezo a cheirar a semana santa no ambiente, rezo para que os trebóns e  a chuvia a cachón nos arruíne os días de descanso (aínda a pesar de que me pille a min tamén).
É unha das maldades que me permito para poder poñerme coma unha moto vendo homes e mulleres, probablemente cos seus problemas ás costas, chorando porque santa-cona-de-baldaio (é unha santa autóctona da miña familia) non pode saír en procesión.
Eu é que o do fútbol xa non o soporto diante dos ollos, así que xa non me indigno xa con ese opio do pobo, co pan e circo que contenta a tantos, porque non o vexo diante.
Pero o da relixión é que me pode, pódeme moitísimo. Cada día vólvome máis rabuda co tema, e só son indulxente coas beatas de certa idade que é o único que teñen para agarrarse á vida cotiá.
O resto é imperdoable. Férveme o sangue cos discursos de Rouco, coa intromisión da relixión no sistema educativo, coas misas de doce nas axendas de políticos, coas procesións baixo palio de herdeiros da ditadura...
Así que por min, este ano, que se saque o cristo-do-papel-film-de-cociña ou a virxe-dolorosa-do-chuvasqueiro en cada cornecho deste suposto país laico, para gozo daqueles que asumiron que terán a súa recompensa no reino dos ceos, mentres a de aquí xa a van dilapidando os desgraciados de sempre.

Xa me quento e aínda faltan dúas semanas... ainssssss!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...