Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

6.4.14

O twitter e eu, eu e o twitter

A verdade é que as redes sociais acaban por enfastiarme. Ao final acabo sabendo máis do que quixera. Ben, xa o comentei en abondosas entradas.
A xente non garda nada para o corazón. Opina de todo. A idea que tiñas de alguén muda radicalmente. Confúndese a realidade coa ficción.
Iso levoume a non querer facebook.
A desfacerme do fotolog, iso que daba moito de si, moita gana de rir, sobre todo.
Resistín co blogue a pesar das paradas.
E no twitter sempre pensei que era para famosos, ou para xente á que non lle daban comba na casa e tiña moita falta de anunciar cada peido que botaba.
O caso é que agora véxome na obriga de telo para un curso de formación que estou a facer. Iso e máis. Tamén teño que abrir outro blogue con outro formato distinto, con outros contidos, e tamén, e isto si que dixen que non, a facer un facebook.
O caso é que hoxe decidinme a poñerme xa, por fin, ao día, porque non podo adialo máis, e montei algúns contidos, fixen parte do traballo e abrín o twitter.
Inda non sei se me gusta ou se non me gusta, porque non lle topo moito xeito. Teño que ler unhas instrucións básicas, supoño...
A ver se tanto viral non me dá febre e acabo dándolle ao DELETE, DELETE, DELETE...
Como diría o poeta, beatus ille...
Ás veces, sobre todo ás veces cando hai algo encerellándose e xestándose nas redes, é mellor andar alleo, para non ter que dicir as humildes opinións que poden enervar, porque non van na liña...
O dito. A ver como se nos dá ao paxaro e a min esta relación que hoxe comezamos. Agardo non ter que escacharlle os ovos de malas maneiras :D

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...