Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.6.14

Non perder a perspectiva

O bo das datas de San Xoán é poder sempre atopar a xente coa que cadras.
É así. Botarte a falar e mirar o reloxo e decatarte que levas coas mesmas persoas un monte de tempo e apenas te decataches. Porque te sentes ben e podes ser ti. Porque podes dicir o que pensas, o que sentes, e sabes que te están escoitando.
E que ti estás escoitando tamén.
Oxalá nunca perda iso por nada do mundo.
E os meus outros tesouros xa están de vacacións. É moito o que se queren.
Ás veces danme moita risa, outras veces case me arrincan algunha bagoíña, porque son moitísimo.
Aquí, onte, antes de deitarse, que andaban a bicos e a apertas coma se non se fosen ver en anos.

24.6.14

A ansiedade

É aquilo que nos pega a todos, polo menos de cando en cando.
A min antes dábame con tanta frecuencia que xa eramos íntimas. Non está ben. Unha pouca non digo que non, pero en xeral hai que lle pór remedio para que non te domine.
Hoxe volve andar canda min.
A procrastinación sempre me trae problemas, é un feito.
Pero á parte de todo, sinto ansiedade por como se está poñendo o panorama.
A min todo isto de vivir nun lugar no que opinar pode ser constitutivo de delito dáme moito apuro.
Tamén acabou a escola e o verán por diante.
Sempre che entran moitas dúbidas sobre todo.
E despois... pois que un xa non está para moita vaíña.
Como dicía unha colega miña o outro día: é que hai cousas que xa... é que non é que non queiras... non é que non sexas flexible... é que xa... píllante moi maior.
Pois aí si que vou concordar. A min a metade das cousas que teño que engulir para non autoexcluírme é que me pillan xa moi medradiña.
Xa sei. Hai que ser moi cínico nesta vida, pero a min xa me pilla co pé moi cambiado, cada día cústame máis.
Así que aí andamos, agora mesmo sen os meus tres pocholos, que é o que máis ansiedade me xera de todo, a verdade.
Xa me afixen a que sexamos un paquete familiar indivisible. Así que mentres non remato esas puntadas que deixei enfiadas e sen poñer no seu sitio, vou poñer unhas cantas destas que che fan soñar co verán ao teu xeito... paseniño e sen moito aparellamen, como nos vai a nós.


18.6.14

Informe da Mesa sobre o uso da lingua galega nas aulas de infantil

E así che está a cousa, nin máis nin menos. Cando no parque nos queixamos por entregar pequenos galego-falantes ao inicio da escolarización e no segundo trimestre xa case nos consolamos uns aos outros confiando en que algo irá callando a lingua familiar, e que acabarán volvendo a ela nalgún momento, non estamos esaxerando, nin sequera un pouquiño... Podía dicir tantas cousas, pero só me sae unha... mágoa. É o único que sinto, mágoa. Quizais aqueles e aquelas que non teñen sensibilidade lingÜística, nin repararán no asunto, pero os que si a temos sentímonos indefensos. É unha loita totalmente desigual e desequilibrada. Si, seino, non é unha etapa obrigatoria e podía non escolarizalas e así non me queixaría tanto, ou podía intentar buscar unha unitaria que me enchese o ollo, ou educar os fillos na casa, ou guetizalos, ou... podía, podía. Oxalá puidese. E xa me importa un rabo de gaita que me acusen de "fundamentalista" (ou similares). Quen me veña coa tarambaina de que a situación tamén se dá ao contrario e se inverten os roles de ambas as linguas nalgúns sitios, refrégolle o informe pola cachola. Mesmamente.

8.6.14

É dixital (e-dixital)… é tan bo ou estánnola metendo dobrada...?

Chégame unha nota á casa sobre o novo programa de bolsas para a compra dos libros. A nós non nos afecta, en realidade, é para a primaria, pero veu na mochila igualmente.
E entón leo que o colexio (o que nos vai corresponder) se apuntou á festa dixital da consellaría e que, de ser un centro aceptado (xa está en Abalar), o alumnado de 5º non vai poder optar á bolsa para a compra de libros, pois só manexará ferramentas dixitais.
A min sóbeme unha cousa así polo espiñazo e asáltanme moitas dúbidas:
Como pode un centro apuntarse a algo así... tan… pouco concreto? Se alguén le as bases, alí nin se especifica a metodoloxía, os criterios, os contidos que se van abordar (nin de onde van saír), nin a plataforma, nin o programa… só se di algo así, falando claro: “se queres ser o máis do máis da modernidade tecnolóxica, anótate”. E veña, a anotarse coma se non se xogase nada, total... son os fillos do mundo.
Entón de aí paso a pensar que non pode ser tanto así, os centros e os docentes son persoas responsables, xuizosas, con moito criterio, que deciden se lles vai ben ou non (que para iso xa están no programa abalar).
E entón asáltame outra dúbida e intento obter respostas e, oh sorpresa!, non as atopo. Non hai estatística ningunha de que o programa abalar supuxese ningún tipo de mellora en ningún tipo de competencias nos rapaces.
Quero dicir, que non hai datos que me certifiquen que as competencias dixitais son mellores nos rapaces de centros abalar ca as dos rapaces doutros centros. Como tampouco as hai dos centros plurilingües fronte aos que non o son no que respecta á adquisición non só dunha segunda lingua, senón tamén dos resultados nas materias en que a lingua vehicular é outra (nin galego nin castelán, vaia)...
Ui, ui, ui... paréceme un tanto escurantista que estes programas (que deberon enterrar aí uns cantos millonciños de euros), se están sendo tan marabillosos, non estean aireando datos mensurables (posto que pensamos que PISA é a traca matraca e no fondo non é máis ca iso, datos e datos...), por que non se está facendo un estudo sobre o éxito ou o fracaso destes dous programas estrela.
Logo de bater con esta realidade, aínda me dá máis arreguicho polo espiñazo porque, mira, en nada xa vou estar eu aí ás portas desa primaria.
E entón póñome a pensar no edificio, que grande é, buf, é que é grandísimo de verdade.
E todo o tema este vai por wifi. RADIACIÓN!
E empezo a emparanoiarme con todos eses pequenos e pequenas pululando unha chea de horas cos seus sistemiñas inmunolóxicos aínda a proba rodeados de radiacións procedentes de potentes antenas para que o wifi tire ben con tanta cousa... e xa me pega a aprensión de verdade.
E total, despois mándannos recados para asistir a charlas para desenganchar os pequenos das novas tecnoloxías, da sobreestimulación e alármannos de que por ese camiño non, que non vai ben a cousa.
Que se nerviosismo, que se pulso de tenista, que se mal uso, abuso, xordeira, problemas coa vista, pouca socialización, desprotección por inmadurez...
E vanlles facer inmersión total, dáaaaalle ghasssss...
Seino, estou sacando o tema de quicio.
Pode ser.
Ou pode non ser.
Pero eu flipo co SI AMÉN dos centros e dos pais e nais.
A min, ou me convencen de aquí a alá, ou xa me vexo cubrindo as alegacións na consellaría para que mas movan a outro centro...
Somos conformistas, eh, mira que somos conformistas... (por non dicir outra cousa que me gustaría máis dicir)...

5.6.14

The ship song

Por momentos parece que todo cambalea baixo os pés dun.
A vida é tan estraña, revirada, divertida, desgraciada...
Hoxe deixo unha de Nick Cave, non porque significa nada particular, senón porque me gusta, esa idea de soltar os cans cando un debe soltalos.


Vivan vostedes coma se non houbese mañá.

4.6.14

A monarquía digievoluciona

Cada día son máis republicana, máis de esquerdas e máis de todo.
Da miña viaxe á capital do mundo tiro dúas conclusións fundamentais: que a xente pija está un pouco desnortada e só necesitas etiquetar como lounge, showroom, eco, bio, vintage, hipster ou palabros similares algo hipercaro para que os entusiasme. Sei que ofrezo unha visión simplista e reducionista e baseándome nunha mostra que quizais non é tan significativa... ou si... é a miña sensación.
O consumismo exacerbado (case 24 horas 7 días á semana) deixoume o seguinte a parva.
A seguinte conclusión é que a vida nunha cidade coma Madrid sería demasiado difícil de levar para min. Descubrín que son máis de provincias do que consideraba.
E a reflexión dunha das pelouras foi que na cidade encerraban as árbores, ¿por que as encerran, mami? Refírese a algo así:

Deseño do grupo Divetis (por iso dos dereitos de imaxe e tal...)

Unha cidade que encerra as árbores, ten razón a peloura, non pode ser un bo lugar para vivir.

Polo resto, desencantada con esta regresión mediática ao medievo, de traspaso de poderes, fidelidades á coroa, asignacións mensuais... esta monarquía tan moderna e tan chic que incluso salta dúas mulleres para recaer no fillo pequeno, tan, tan, tan preparado para o posto (só fodería) que me sangran os oídos cada vez que o din.
Xente preparada para postos haina arreo, o caso é que non teñen tan boa estrela.
A min a monarquía dáme tanto repelús coma a igrexa, por aí máis ou menos.

E os pokémons?? No acho parole para este tema...

Despois dise que tal desas ditaduras de repúblicas bananeiras... Por veces non sei se o que pasa ao noso redor é un tremendo fake no que nos están poñendo a proba. Si ou non?

Algo cheira a podre... pero podre rematado.