Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

24.6.14

A ansiedade

É aquilo que nos pega a todos, polo menos de cando en cando.
A min antes dábame con tanta frecuencia que xa eramos íntimas. Non está ben. Unha pouca non digo que non, pero en xeral hai que lle pór remedio para que non te domine.
Hoxe volve andar canda min.
A procrastinación sempre me trae problemas, é un feito.
Pero á parte de todo, sinto ansiedade por como se está poñendo o panorama.
A min todo isto de vivir nun lugar no que opinar pode ser constitutivo de delito dáme moito apuro.
Tamén acabou a escola e o verán por diante.
Sempre che entran moitas dúbidas sobre todo.
E despois... pois que un xa non está para moita vaíña.
Como dicía unha colega miña o outro día: é que hai cousas que xa... é que non é que non queiras... non é que non sexas flexible... é que xa... píllante moi maior.
Pois aí si que vou concordar. A min a metade das cousas que teño que engulir para non autoexcluírme é que me pillan xa moi medradiña.
Xa sei. Hai que ser moi cínico nesta vida, pero a min xa me pilla co pé moi cambiado, cada día cústame máis.
Así que aí andamos, agora mesmo sen os meus tres pocholos, que é o que máis ansiedade me xera de todo, a verdade.
Xa me afixen a que sexamos un paquete familiar indivisible. Así que mentres non remato esas puntadas que deixei enfiadas e sen poñer no seu sitio, vou poñer unhas cantas destas que che fan soñar co verán ao teu xeito... paseniño e sen moito aparellamen, como nos vai a nós.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...