Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

8.6.14

É dixital (e-dixital)… é tan bo ou estánnola metendo dobrada...?

Chégame unha nota á casa sobre o novo programa de bolsas para a compra dos libros. A nós non nos afecta, en realidade, é para a primaria, pero veu na mochila igualmente.
E entón leo que o colexio (o que nos vai corresponder) se apuntou á festa dixital da consellaría e que, de ser un centro aceptado (xa está en Abalar), o alumnado de 5º non vai poder optar á bolsa para a compra de libros, pois só manexará ferramentas dixitais.
A min sóbeme unha cousa así polo espiñazo e asáltanme moitas dúbidas:
Como pode un centro apuntarse a algo así... tan… pouco concreto? Se alguén le as bases, alí nin se especifica a metodoloxía, os criterios, os contidos que se van abordar (nin de onde van saír), nin a plataforma, nin o programa… só se di algo así, falando claro: “se queres ser o máis do máis da modernidade tecnolóxica, anótate”. E veña, a anotarse coma se non se xogase nada, total... son os fillos do mundo.
Entón de aí paso a pensar que non pode ser tanto así, os centros e os docentes son persoas responsables, xuizosas, con moito criterio, que deciden se lles vai ben ou non (que para iso xa están no programa abalar).
E entón asáltame outra dúbida e intento obter respostas e, oh sorpresa!, non as atopo. Non hai estatística ningunha de que o programa abalar supuxese ningún tipo de mellora en ningún tipo de competencias nos rapaces.
Quero dicir, que non hai datos que me certifiquen que as competencias dixitais son mellores nos rapaces de centros abalar ca as dos rapaces doutros centros. Como tampouco as hai dos centros plurilingües fronte aos que non o son no que respecta á adquisición non só dunha segunda lingua, senón tamén dos resultados nas materias en que a lingua vehicular é outra (nin galego nin castelán, vaia)...
Ui, ui, ui... paréceme un tanto escurantista que estes programas (que deberon enterrar aí uns cantos millonciños de euros), se están sendo tan marabillosos, non estean aireando datos mensurables (posto que pensamos que PISA é a traca matraca e no fondo non é máis ca iso, datos e datos...), por que non se está facendo un estudo sobre o éxito ou o fracaso destes dous programas estrela.
Logo de bater con esta realidade, aínda me dá máis arreguicho polo espiñazo porque, mira, en nada xa vou estar eu aí ás portas desa primaria.
E entón póñome a pensar no edificio, que grande é, buf, é que é grandísimo de verdade.
E todo o tema este vai por wifi. RADIACIÓN!
E empezo a emparanoiarme con todos eses pequenos e pequenas pululando unha chea de horas cos seus sistemiñas inmunolóxicos aínda a proba rodeados de radiacións procedentes de potentes antenas para que o wifi tire ben con tanta cousa... e xa me pega a aprensión de verdade.
E total, despois mándannos recados para asistir a charlas para desenganchar os pequenos das novas tecnoloxías, da sobreestimulación e alármannos de que por ese camiño non, que non vai ben a cousa.
Que se nerviosismo, que se pulso de tenista, que se mal uso, abuso, xordeira, problemas coa vista, pouca socialización, desprotección por inmadurez...
E vanlles facer inmersión total, dáaaaalle ghasssss...
Seino, estou sacando o tema de quicio.
Pode ser.
Ou pode non ser.
Pero eu flipo co SI AMÉN dos centros e dos pais e nais.
A min, ou me convencen de aquí a alá, ou xa me vexo cubrindo as alegacións na consellaría para que mas movan a outro centro...
Somos conformistas, eh, mira que somos conformistas... (por non dicir outra cousa que me gustaría máis dicir)...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...