Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.6.14

Informe da Mesa sobre o uso da lingua galega nas aulas de infantil

E así che está a cousa, nin máis nin menos. Cando no parque nos queixamos por entregar pequenos galego-falantes ao inicio da escolarización e no segundo trimestre xa case nos consolamos uns aos outros confiando en que algo irá callando a lingua familiar, e que acabarán volvendo a ela nalgún momento, non estamos esaxerando, nin sequera un pouquiño... Podía dicir tantas cousas, pero só me sae unha... mágoa. É o único que sinto, mágoa. Quizais aqueles e aquelas que non teñen sensibilidade lingÜística, nin repararán no asunto, pero os que si a temos sentímonos indefensos. É unha loita totalmente desigual e desequilibrada. Si, seino, non é unha etapa obrigatoria e podía non escolarizalas e así non me queixaría tanto, ou podía intentar buscar unha unitaria que me enchese o ollo, ou educar os fillos na casa, ou guetizalos, ou... podía, podía. Oxalá puidese. E xa me importa un rabo de gaita que me acusen de "fundamentalista" (ou similares). Quen me veña coa tarambaina de que a situación tamén se dá ao contrario e se inverten os roles de ambas as linguas nalgúns sitios, refrégolle o informe pola cachola. Mesmamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...