Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.7.14

A min a LOMCE

chéirame cada día máis a can.
Contidos dixitais que vai fornecer o Corte Inglés (entre outros) = unha torta para os amigos (das de comer, enténdase, non do calco "vouche dar unha torta", en calquera caso, eu sempre repartiría hostias, non tortas).
Unha publicación do currículo apurada, apurada, apurada cuns contidos escangallados, repetitivos, que non veñen ao caso, ás veces anecdóticos... e que, en calquera xeito, non chegan a tempo para os centros.
Un cheque para a compra de libros... que só sexan libros... pero, ¿libros por cal lei, pola nova ou pola vella? Como van estar pola nova se non hai contidos publicados... e como pola vella se os que se cambien van estar obrigatoriamente 6 anos nas aulas... ¿como se come esta torta? Cómese con presións e populismos (mestres, facede de tripas corazón, elaborade os vosos materiais -sabémolo, tedes menos horas para facelo, máis alumnos que vos ocupan o tempo e máis competencias que non vos tiñan que competer- ah, tamén menos soldo, menos incentivos e menos de todo, pero, aínda así, sede riquiños e elaborade os materiais da vosa colleita, iso si, tendo en conta que ao rematar os "ciclos" hai uns exames de peso, definitorios e transcentes... -e non lle carguedes co morto ao profe seguinte, aquí vai haber para todos. Por outra banda, directores e directoras, estades nas nosas mans... así que colaborádenos a "denunciar" estes profes e mestres que non nos colaboren na nosa empresa. Por outra, pais e nais do mundo, o dixital é gratis e magnífico (que leva? o que leve, ti come e cala) e os mestres non van cambiar libros, non vos van facer afrontar ese gasto, a todos, en xeral..., que máis dá un sistema universal de préstamo xusto? que máis dá o da educación gratuíta?, os que poidan mercalos novos, mercaranos e farán deles un pandeiro (o de subliñar, por exemplo, unha técnica de estudo que para min foi fundamental, pois... fotocopiamos ou que?)... os outros, pois... levar o libro co adhesivo de "prestado pola xunta de galicia, non romper, maltratar, escribir, estragar, emprestar...". Supoño que, aos mestres, ademais de pedírselle que sexan bos, bonitos e baratos, tamén se lles pedirá que fagan de policía dos libros, para que o envase retornable volva intacto ás improvisadas librarías ilegais das portas dos centros de ensino, cando non nas instalacións dos propios centros.
Gañamos todos.
Non é o que pensa miña prima a chosca, que ten unha libraría.
Nin os editores, autores, tradutores, correctores, ilustradores, imprentas, realizadores, maquetadores, distribuidores, comerciais, pedagogos, fotógrafos, persoal de márketing... que viven da industria.
Tan lexítima coma os que venden produtos de primeira necesidade, como bragas, cueiros ou pasta dentífrica. E, fíxense, aínda nunca crearon un banco de empréstito en ningures con iso, que si, digamos un grandísimo si, aliviaría as familias.
Eu só en zapatillas para que se anden arrastrando por recreos e parques gasto a metade do orzamento invernal...
Pero claro... libros... libros que transmiten cultura, historias, lendas, contos, sabedoría, que están planificados con valores plurais, que ensinan a ler e a observar e a analizar o mundo, libros que teñen detrás o traballo dunha morea de xente, iso é gasto para as familias así, a secas (nin que o resto fora regalado).
A min que me monten un banco de empréstimo de mandilóns, roupa de abrigo, zapatillas de deporte, bañador para a pisci, lentes e gorro, algún instrumento musical, varios chandaletes... pero un ao grande, con todo do trinque e ao que vaiamos todos coa cabeza ben alta (xa sei, existe en forma de roupeiro municipal, pero as formas non son as mesmas).
A ver, non sei se me entendedes ou se me estou explicando.
Hai discursos nos que hai que afondar. Eu non vexo os libreiros do meu barrio montados no dólar. Son dous currantes, persoas traballadoras, instruídas, solícitas, moi amables, cunha vida normal... e as que deben ter que oír e ver teñen que ser para flipar.
Eu neste caso téñoo clarísimo. Un sistema de bolsas para o estudo xusto. En todas as etapas educativas. Un que che permita acceder a todo en igualdade de condicións ca calquera outra persoa: material do tipo que sexa, chándal, zapatillas, mandilón, comedor escolar se é preciso, actividades se son necesarias e un longo etcétera.
Eu, non sei, non quero ir de visionaria, pero para min que isto de aprobar a LOMCE así a todo correr ten que ver algo co tema dos coles que segregan por sexos.
Os amigos xa acumulan demasiadas sentenzas na súa contra. Non se podía permitir que lles pechasen os chiringuitos...
E de devolver a pasta, nasti de plasti... (totaaaaaaal, aghora xa foi, marica non chores!). Así nos vai, paisiño do caralliño.
E máis que teño contra a LOMCE eh, é que de cando en cando revísoa para cabrearme...
Eu necesito unhas vacacións... desas de nin teléfono nin xornais ao redor. Desas que acabas por pensar que o mundo é ben bonito e que podemos cambiar o que nos pareza feo...
Desas que...
Desas.
Os temas complexos, sempre precisan dunha análise complexa e de moitos puntos de vista. Iso non hai que perdelo da perspectiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...