Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.7.14

Al Jazeera e outras canles

Ultimamente como estou soa na casa, as tentativas de sesta son con al-jazeera, porque cando están por aquí as nenas non teño gana de poñerme a explicarlles por que hai outros cativos no mundo que non están seguros nas súas casas. Que hai cativos e cativas aos que matan, mutilan, feren e deixan illados, que esmagan como fan elas coas formigas do parque cando pensan que non as vexo.
É así.
O caso é que non deixa de sorprenderme o directos que son, facendo preguntas incómodas cando teñen oportunidade de entrevistar algún dirixente, traendo a información renovada a cada pouco, pasando conexións a cada pouco, desde diferentes puntos.
Hoxe unha voceira da ONU trataba de esquivar a pregunta directa e simple de se non lle parecía unha vergoña a matanza de nenos e nenas e se iso non merecía unha intervención e unha reprobación mundial.
Ela escapaba como podía.
E o xornalista insistía abertamente (ata en 5 ocasións practicamente seguidas).
Así ata que a moza cortou dicindo que non podía pronunciarse nunha cuestión tan complexa.

É complexo porque lles vendemos nós as armas, iso é complexo, cando nos van ao peto sempre é complexo. E Gaza non ten petróleo. Nin gas. Iso tamén é complexo.

Despois ía apagar pero deille unha volta polas nosas canles.
Entre a moda, o corazón, o fútbol e a publicidade dentro dos propios espazos informativos (ah, e o tempo, fundamental, a calor aquí, o vento alá, nubes polo norte, efemérides variadas...) acabaron de amargarme. De vergoña, vaia.

Despois non quito da cabeza as imaxes que vexo. Nin o mundo que estamos montando. E pensando nunha estratexia para escapar del.

E nestas póñome ao choio, a ver se vou rematando algo. Coas miñas listas de reprodución, ben curradas. E polo medio, por aforricas e non pagar, veña publicidade.

Nas interrupcións de música comercial desconcéntrome e presto atención á letra.

Como pode ser que acabe de escoitar nun fermoso brasileiro unha moza dicir que está "grávida dun beixa-flor" e que vai "parir un terremoto" e ao momento unha pintamonas non pare de dicir que "me juraste que la dejarías" e "me dejaste ir" e rollos así... perpetuando esa idea do amor tan ruín e tan rancia.
O amor como sufrimento, como atadura, como compromiso de por vida, como traizón, como submisión...

Isto é o que escoitan os rapaces a todas as horas, letras de merda, que perpetúan a idea da procura dunha media laranxa, de deixalo todo, de abandonalo todo por unha persoa, cando non outras cousas ben peores. A min dáme gana de botar a pota "on the floor".

Cada día entendo máis os anacoretas...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...