Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

14.7.14

Máster do universo

Estou por facer un máster. Preinscribinme, cumpro os requisitos, probablemente acceda e todo.
Interésame bastante, case todo.
Eu son fan dos MOOC, eses cursos en aberto nos que aprendes moito, en que te integras nun grupo de traballo, vas ao teu ritmo e tiras moito proveito porque é unha aprendizaxe colaborativa e desde moitísimos puntos de vista.
Recomendo encarecidamente anotarse a estes cursos porque son bastante openmind.
Pero non che certifican nada, inda bo é que ofrecen os coñecementos de balde.
Así que estaba eu cheironeando que cando me queira poñer en serio con isto do ensino e deixarme de andarlle dando tombos á miña vida laboral (que é coma unha montaña rusa escanghallada de todo), pois vou ver que estou en bragas e desfasada.
En bragas por non ter puntuación ningunha para afrontar ningún tipo de oposición (estudar despois de estudar e tras pasar moitos anos sen estudar resúltame esgotador), cando o día para ti tiña que ter o dobre de horas das que ten para poder dar abranguido todo canto tes que facer, facerlle oco aos apuntamentos revellidos para pasar unha primeira fase de chapatoria é duro, duro, duro...
E desfasada porque, queiras que non, a habelencia que che dá o exercicio non cha dá ningún contido teórico, nin ningún curso MOOC que fagas con moito interese.
Así que planifiquei e tracei dedicar este próximo curso a sacar algún mestrado que me puxese as pilas (por interesante, con contidos útiles e cun horizonte claro) e me dese algún puntiño para a fase de concurso (os dousmilcincocentosmillóns de horas de cursos que fixen en universidades, sindicatos e asociacións parece que xa non valen, caducou o coñecemento, por non dicir máis abertamente outras cousas que vou gardar para o corasón).
O caso é que me deu por fuchicar pola rede, o típico, opinións de xente que o fixo, traballos, a vida, obra e milagres dos docentes que o imparten... non é que me botase para atrás, pero é que... é moita pasta para a aventura.
Tiña que poñer as pilas tamén, dunha vez xa por todas, co portugués e deixarme de tanta procrastinación e tanta leria...
Agora que estou a tiro de pichoca de matricularme (ou non) asáltanme as dúbidas.
Eu son tan pouco formal para os formalismos, abandono todo o que me parece unha perda de tempo enseguida sen dar a oportunidade.
Eu penso que se están seguros do que fan, deberían dar unha marxe de proba, non? Cantas veces te embarcas en algo que descobres que non é o teu e continúas por compromiso...
A verdade é que llo mandei como suxestión e remitíronme á páxina institucional onde ex-alumnos (aínda facéndoo) falaban do tema.
Home non, que carallo vai dicir unha persoa acabada de licenciar mentres fai o mestrado nun blog de opinión moderado polos docentes que che teñen que dar o aprobado e titorizarche o traballo...
(parece mentira que o teña que dicir, liberdade de expresión... ata certo punto e daquela maneira).
O carallo é que bateron comigo.
Xa vexo o blog do ano que vén...
(seino, estou prexulgando, e polo tufo que me dá, non debería matricularme...).
A ver se deus me manda un wasa visionario ou algo, que vexo que en Gaza déronlle o día libre e igual ten tempo para as miñas historias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...