Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

22.7.14

Quitémonos de facelo mal, non nos quitemos de escribir e locutar ben

Manifesto (unha vez máis) poñendo de relevo o ata a rabiza que estou de que en galego todo vale.

(vaia por diante esta máxima: si, aprecio os esforzos; si, valoro as iniciativas; si, son fan dos neofalantes que o intentan e penso que son o noso futuro, sempre terán a miña simpatía; si, gústame calquera iniciativa que use a lingua).

Pero NON TODO ME VALE.
Abanca, moi ben, parabéns pola iniciativa de empezar rotulando e enviando publicidade en galego, pero cada vez que dou a volta á miña rúa un enorme cartelón tapando o edificio da esquina enteiro recíbeme cun QUITÉMONOS A MORRIÑA.
Eu penso un enorme QUITÁDEMEVOS DE DIANTE (deusquevosfixo).

Estoume quitando (de fumar, de drogharme, de comer coma se non houbese mañá…)
Quito a roupa.
Quito as nenas de paseo.
Quito os pronomes dos verbos cando sobran.
A morriña. A morriña quítoa. Eu quito a morriña indo á casa de vez en cando.
Se lle digo a meu pai: ola, veño *quitarme a morriña, que hai para xantar? (pensará que quen o di mal é el e todo, iso é outro tema sobre o que habería que traballar, ese complexo de inferioridade que se creou nos galegofalantes cando a lingua estándar se comezou a oír nos medios).
Pero seguro que quita algo rico do forno.
Que queres que che quite?
Quítame o que prefiras.
Quita aí un cabrito asado, ou un churrasco requente de onte á noite…
Ainsssssss.
Abanca, amablemente, díxome que estaban traballando no tema para melloralo. Porque, unha vez que gastan os cartos, polo menos que poñan un pesiño máis e lle dean traballo a algún compañeiro que lles torne desas cousiñas (digo eu, non?).

Quixera ver o que dirían os veciños se o cartel puxese: Los dijimos que éramos un banco nuevo. Aquí estamos (al reviente de faltas de ortografía y atentados a la lengua, pero honrados y queriendo ser ghalleghos coma el que más).

O descoñecemento da lingua por parte de certos sectores que teñen “a obriga” de manexala a min xa empeza a atufarme (seino, a constitución, o estatuto e bla, bla, bla, e tamén a carta europea das linguas minorizadas e bla, bla, bla… para todas estas cuestións, recomendo o blog El tupo que fuza, téñeno vostedes á súa dereita e as explicacións que ofrece son moi accesibles para todos os públicos).

O da administración xa non ten volta.
Cada vez que escoitaba o de “leite galega” mentres conducía dábame o arriquitaun polo corpo (e todos somos pilar, e pescaderías e moitas outras que xa eliminei do meu disco duro para que non me doese a cabeza).
Esa fonética que gastan os que fan as cuñas publicitarias nin quero saber de onde sae.
Cando deseñan os “máster en dobraxe” deberían propoñer un erasmus nas casas de galego-falantes, e non obter certificación ningunha ata que lle asinen unha capacitación, xa non digo máis, básica. Un B1 en lingua oral, xa non pido máis.

E onte batín con esta presentación de La Marina coruñesa. Que si, moi ben por ofrecer (que menos, ostia!, que estou dicindo, estoume achicando!) esa magnífica e desproporcionada recreación desa xente que parece que vai peregrinando cara a María Pita coma se fose cara a un lugar santo; pero non, en realidade, está gozando de percorrer a nova Marina de arriba abaixo coma se todas as rutas do colesterol de xente de ben confluísen nesa zona…
Pero en fin. O do vídeo. O do proxecto. Iso é fariña doutra muiñada, non me vou meter máis coa cidade, que aínda me han recibir a pedradas calquera día.
Pero a lingua.
Que pasa con ela? Alguén percibe que o que locuta podería locutar o mesmo texto en árabe, chinés, inglés, castelán, galego ou romanés ou é só cousa miña?
Para dobrar un texto só se precisa saber ler e ter unha voz bonita? En serio?
Déanlle ao play e xulguen (la versión gallego):

Despois din que algúns/algunhas somos uns roñóns/roñonas. Diario protestando. É que… é que non che dan opción! Máis quixera non ter que dicilo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...