Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

8.7.14

#traballandoenlingua

Mañá andarei por Carballo no curso da UdC con CTNL falando sobre a transmisión da lingua materna.
Neste caso, da non-transmisión ou da perda ou ruptura coa lingua materna a idades temperás.
É unha cuestión que me doe e que me afecta, non se pode negar.
Supoño que todos e todas os "do galego" temos os mesmos estadios e os mesmos lugares comúns cando se nos dan estas circunstancias.
Primeiro agobiámonos moito, buscamos culpables, razoamos con todos os axentes sociais que parece que están contra nós (garderías, monitores de actividades, nenos nos parques, aniversarios, coidadores e coidadoras, debuxos animados...) e damos cornadas contra o evidente: medrar en galego nun medio hostil é moi difícil a non ser que a) teñas a sorte de atopar un gueto no que varios pais/nais coincidades no asunto e non paredes de relacionarvos ou b) teñas a chiripa de que os educadores e mestres sexan pro-galego e o mellor amigo ou amiga dos teus fillos e fillas tamén sexa galegofalante... (seino, iso non adoita acontecer)
Despois asumimos con moito pesar que os nosos rebentos apenas falen galego, ou que o falen de mala maneira, nunha especie de xerga que é o colmo da filoloxía...
Ao final, coma en todos os períodos de duelo, agardamos confiados que interioricen a lingua, e que, co paso do tempo e das circunstancias, acaben volvendo a ela, se se dá o caso.

Entrementres, os lugares comúns son:
1. a vergoña de atopar colegas de profesión (tradutores, lingüistas, profes...) sen fillos ou coa sorte de telos criado en ambientes galegofalantes e ler nas súas olladas o de "non-dou-creto" e ti non saber onde meterte da rabia porque, en realidade, si que reforzas na casa o tema, respondes sempre rectificándolles o que din en versión galega, moléstaste en ter o TDT trucado para que as canles de debuxos só saian en versión orixinal e nunca en castelán, gastas os cartos en materiais en galego, falas cos profes-coidadores-monitores e insísteslles no importante que é para ti o tema da lingua... e un longo etcétera.
2. a familia, que sempre te considerou radical, extremista e outros adxectivos inxustificables, aproveita calquera ocasión para responder en castelán con voz de falsete calquera pedimento dos rebentos, e, de paso, espetarche frases como que che caeu a soberbia, que quen non quere caldo come sete cuncas, que onde estás criando os vástagos para que saian tan finolis... en fin, coma se ti non tiveses abondo con non recoñecer ás veces os rebentos como teus cando che champan o seu discurso en perfecto castelán con verbos compostos e adverbios que nin que estudaran con nebrija... (cando na miña casa o eu comezou a ser substituído polo yo, hei de recoñecer que doeu, doeu moito).
3. as poucas persoas que podían ser modelo de lingua, directamente pasan ao castelán cando as oen, porque non vaia ser o conto... así que te cansas de explicar a esas señoras riquiñas que se paran que se poden dirixir a elas en galego, que o entenden perfectamente e que...

Xa me entendedes os que estades nas mesmas circunstancias.

Nós tamén eramos escolarizados en castelán, no meu caso, xa logo tiña 6 anos, a lingua estaba máis que asumidísima, e aínda que vivín na diglosia, dominaba as dúas e compartimentábaas moi racionalmente. Os prexuízos só houbo que superalos.
Agora comezan a escolarización cando están empezando a falar, os seus modelos para alfabetizarse xa non só son "os da casa", tamén son os mestres, os coidadores, os monitores das garderías, os amiguiños cos que pasan o tempo...
É unha loita moi desigual, moi, moi desigual.
E inda nin sequera desapareceron os prexuízos. Pouco ou nada se avanzou. É a miña percepción.

Eu síntome, en moitas ocasións, coma se levase o cartel co chiste de "sabes cal é o colmo dun filólogo?... que lle saia un fillo...".

O dito. Mañá alí lle andaremos, falando diso e do que saia. Vémonos!

1 comentario:

  1. Coñezo perfectamente ese tipo de situacións que describes, pero a miña conclusión tras moitos anos é que non podemos esperar outra cousa dado como son os que defenden o galego na política estando eternamente na oposición.
    Para aspirar a outra cousa habería que ofrecer outros proxectos ao electorado para podermos gobernar.

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...