Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.8.14

Son fan de María Fumaça

Moi fan. Desde que os vin en directo, con esa alegría de vivir, esa que me gusta que me contaxien a min.
Hai xente así, tan vital que te atrae.
A min gústame poñerlle sempre forza ao tema, inda que por veces custe.
Nestes últimos tempos pasaron moitas cousas desas que te botan para atrás, que che minguan os folgos, que che baten na autoestima, que te fan entrar no bucle do estar mal e non saber exactamente por que, ou sabelo e non poder escapar.
Por sorte, tamén hai moitos outros elementos, circunstancias, persoas e sensacións que che fan volver amar a vida con toda a intensidade.
Sei que hai pequenas mudanzas polas que hai que traballar arreo. E pequenas coirazas que unha non debe descoidar para que non poida ninguén vir tocar onde non debe.
A piques de rematar agosto e aínda me quedan moitas caras por ver, moitas conversas por manter, moitos lugares por percorrer. Pero vou quedar co bo das que xa vin, das conversas amables que tiven a sorte de ter, coas vivencias auténticas e sen artificiosidade que puiden compartir con quen quero e con quen me quere.
Hoxe vaille así a entrada porque opinar do que pasa no mundo, máis alá dos meus metros vitais dáme preguiza.
Hai moito que me enerva, que me provoca repulsa, malestar... Eu non quero un mundo coma o que estamos colaborando a crear e síntome impotente por non poder cambialo.
Así que deixo unha (máis) canción de María Fumaça. Non é a súa "alegría", pero di moito con pouco.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...