Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.9.14

A unitaria…

Cando nos tocou escolarizar as pequenas pensámolo moito. A educación que queremos para elas alónxase moito das purpurinas, das princesas e do rosa.
Queriamos darlles unha educación aberta, positiva, reforzando a súa autoestima, abríndolles posibilidades para explorar.
 E queriamos que a escola nos colaborase a iso. Aínda que eramos conscientes de que todas nun saco non collen.
Vivir na sociedade é o que ten, que te tes que amoldar tamén a ela.
O primeiro ano pasou ben. As nenas afixéronse. Gustounos que fose un profe rapaz, por riba co entusiasmo dos primeiros anos de docencia, cariñoso e alegre.
Xa non se lle podía pedir máis á vida.
Un cole masificado, si, saturado, tamén, con xente cada un da súa casa, pois tamén. Iso en conxunto ben xestionado pois é o que hai, tampouco ten por que ser negativo.
Cousiñas houbo, claro.
Sempre ten que vir a líder do grupo sinalarte co dedo, porque te acusa de demasiado infantil, ou demasiado pouco princesa disney.
O mundo é feroz desde a primeira socialización.
Este ano é outra cousa. Hai que estar sentados. Hai que escribir moito. Se te levantas hai castigo. Se falas alto hai castigo. Os maiores quítannos todo no patio. Un maior díxome que me daba un puñetazo. 
Cousas de rapaces. Si. Pode ser.
Eu tamén vivín iso, por iso quería outra cousa para as nenas.
Os meus problemas de lateralidade, entre outros moitos, veñen dados porque ninguén se parou a explicarme ben dereita-esquerda.
O meu tamén foi unha escolarización errática e masificada. Despuntaba algún, algún para arriba, algún para abaixo. O resto eramos unha masa. Algúns días incluso me chamaban polo nome de meu irmán (¡!), e ás miñas irmás polo meu, a unha polo da outra…
Así que ao comezo tiñamos claro que irían a unha unitaria. Así nos custase o esforzo de levalas-traelas, coche, e sen posibilidade de servizos de comedor se nalgún momento o necesitabamos.
Pero despois deixámonos levar e deixámolo ao azar, veña, o cole que nos toca por proximidade e que sexa o que sexa.
Agora vólvenos roldar a idea da unitaria.
Ves esas fotos deses sorrisos de orella a orella, duns cantos raparigos de entre 3 e 5 anos. Cunha mestra que coñece a cada un deles polo nome e polo pé co que coxea. Ese patio que ocupan cando o tempo o permite sen horarios… ese ritmo que vai canda a súa madureza…
En realidade iso é o que quero para min. Cando teño moita gana, traballo e son produtiva a máis non dar. Cando non a teño, todo o día é un desastre e o humor é unha desgraza.
Cando teño forzas, nado voltas á piscina ata que o corpo me di que xa non quere máis, cando non as teño, nin un sapo daría máis mágoa ca min no medio da auga…
Como non desexar iso para quen máis se quere no mundo?
O peor… os lazos xa establecidos. Esas pequenas amigas e amigos que as reciben a bicos no parque, esas persoas coas que xa atopaches certa afinidade, os compañeiros do barrio que quizais as acompañen ao longo da súa vida, como nos pasou a nós…
Que é o que pesa? Que debe pesar? Facemos unha listaxe de pros e contras? Unha decisión en quente ou deixámola repousar?... Que complicado se nos volve todo ás veces… tan complicado!

27.9.14

A LOMCE e primeiro de Primaria

Ultimamente penso moito nesta nova lei. Porque me toca, entre outras cousas, de cheo no traballo e na familia, así que me afecta en moitas frontes.
Escoito como os pais e nais afrontan con preocupación esa nova etapa, un pouco perdidos, discutindo o asunto de se teñen que saber ler ou non.
Algúns saben, outros non.
Dependeu de moitos factores.
Ata agora eu sempre "defendía" os mestres e mestras de infantil que se dedicaban en corpo e alma a, entre outras moitas cousas, educalos como pre-lectores e pre-escritores, porque hai tanto que facer, que sentalos a repasar letras cando aínda non son persoíñas maduras, non ten moito sentido.
Ademais, legalmente, non é unha etapa de escolarización obrigatoria.
Iso xa o xustifica todo. Que un neno entre lendo en primeiro de primaria non quere dicir que os demais teñan que facelo.
Pero agora o currículo éche fariña doutra muiñada.
Ata agora, a lectoescritura prevíase como un contido que había que adquirir ao longo do primeiro ciclo da primaria (ATA O TERCEIRO CURSO!), así que ningunha mestra de infantil tería por que poñer os rapaces a silabar e a escribir enunciados se non o consideraba oportuno.
E os mestres e mestras de primaria eran os encargados desa tarefa marabillosa, de enfrontar aos pequenos xa afeitos aos trazos, á pre-escritura e coa cabeciña chea de contos e historias nas que recoñecen letras e palabras a ese labor de ordenalo todo na súa mente e levalo ao papel.
Ai, pero agora a lei xa non fala diso.
En primeiro de primaria fálase de contidos que son palabras maiores: escribir pequenos textos simples, calcular o espazo que necesitan para escribir enunciados, revisar e corrixir os seus escritos, responder por escrito pequenas preguntas de comprensión lectora.
Si. Teñen que saber ler e escribir en primeiro. E ademais, teñen unha carreira de fondo ata terceiro, ata a proba de diagnóstico que determinará que coles "molan" e cales "non molan nada".
Parece pouca cousa, pero en realidade é moi forte.
Así que agora que os pais, nais, mestres e mestras comezan a tomar conciencia de que o panorama cambiou, e moito, tamén comeza a entrar o pánico.
Eu só digo que xa hai quen pasa as tardes facendo fichas e tratando de ensinar a ler os seus rebentos... e non coas técnicas que espertan o amor polas letras, porque non todos valemos para abrir esas portas así tan facilmente.
A adquisición da lectoescritura é unha escada que cómpre ir subindo chanzo a chanzo.
Hoxe atopei esta interesante publicación e pensei en que, quizais, eses "facedores" de currículo, moito non deben ler, e moito de nenos e nenas non deben saber.

Déixoa para quen gustar...

25.9.14

castigo, castigado, castigar...

Na casa ultimamente óense unhas palabras que pensei que non oiriamos.
Educar é complicado, é moi complicado, pero intentamos que sexa un traballo bonito e tranquilo, na medida do posible.
Así que castigo recordábanos un pouco a outros tempos, nos que ser neno ou nena significaba ser o último mono da casa. Nin tanto, nin tan pouco.
Intentamos facer as cousas o mellor que se nos ocorre, e tratar de influír na súa conduta de maneira positiva e non cargándoas de prohibicións, penalizacións e castigos.
A vida pode ser mellor ca iso.
Agora traen na boca seguido o verbo, ou o adxectivo.
Moito se debe castigar nesa aula.
E o caso é que pola noite confésanme: nós falamos baixiño, e estamos quietiñas, portámonos ben e facemos o nome, ben dereito polos puntiños.

Quero crer que como están tan sorprendidas, cóntano coma se fose unha realidade á que non estaban afeitas e que teñen que enfrontar e afrontar.

E no medio nós... aínda pensando como podemos estar no medio, sen prexudicar a ningunha das partes.

22.9.14

Deixar os fígados por algo

Case nunca paga a pena.
Así que se estás pensando en deixalos, mira primeiro se che compensa.
No mundo sempre hai quen sabe máis (aínda que non o saiba).
Quen é mellor (aínda que non o sexa).

Non todas as persoas valemos o mesmo.

Veña. Comezando a semana.

19.9.14

A escola, un outro ano máis

Desacóugame moito este tema. Porque cando penso nel a cabeza e o corazón moito me pelexan.
Dáme moita rabia que as miñas preocupacións non atopen un acougo racional. É coma esas situacións de indefensión, que asumes, que acatas, pero que che deixan mal corpo.
Non quixera volverme unha nai paranoica.
Pero dáme carraxe como son as cousas. Os sapos que hai que engulir.
Por moitas cuestións. Non falo só do tema da lingua.
No tema da escolarización de infantil, eu só lles vexo un sorriso enorme a:
a) xente que consegue escolarizalos nos lugares que satisfán as súas espectativas (case sempre unitarias pequenas, escolas rurais, ou centros privados que contan con todo o que ti queres para o teu fillo ou filla -sexan superficialidades de xente rica, unha educación alternativa, unha cooperativa cunha filosofía e un xeito de ver a vida semellante ao teu, un centro cun sistema que che enche o ollo...)
b) xente que está feliz por perder de vista os fillos e fillas unhas boas horas pola mañá (que se conforma con garda-nenos e garda-nenas)
c) xente que non se implica, que deixa facer

Antes de comezar, eu xa lera eses manuais de acollemento. Que non se materializaron, por suposto. Nin portas abertas, nin acompañamento, nin implicación familiar, nin hostias con vinagre. Pero vaia, a reunión co mestre foi axiña. Moi receptivo. Abriu canles de comunicación variadas ata onde puido e máis. Nada que dicir. Pero por circunstancias, o mestre marchou.

Este curso. Máis do mesmo.
Unha carta de benvida do mundo da fantasía: implíquese pai ou nai, implíquese na educación dos seus fillos a tope, iso é o que desexamos máis no mundo mundial, formemos unha marabillosa e estreita comunidade educativa entre todos pero:
a) nunca atravese a cancela do cole, baixo ningún concepto
b) atenderémolo de 16.30 a 17.30 os luns e con cita previa (se a cita xa a pediu outro pai ou nai, agarde o luns seguinte)
c) a primeira toma de contacto coa nova mestra será dentro dun mes, e con todos os grupos xuntos

TOOOOOOMA MORENO!!! Diría o Macario.
Non pases pola porta, non te dirixas ao centro fóra do horario de atención, pide libre no traballo pero só despois de asegurarte de que te van atender e este mes... pois que máis che dá saber con quen botan as horas os teus pequenos.

As cousas non son así. Así non molan un carallo, pero nada de nada.

Por riba, pregúntolles para sonsacar información que tal o cole, que fan, que fixeron, se lles gusta. E todos os días viron unha peli. Os tres porquiños. Os pingüíns de non sei que. Cocorico...

Non digo máis nada e xa o digo todo. Non?

Voto de confianza si. Confianza na profesión... tamén. Un pensar que non hai por que non pensar que... tamén. Un imaxinar que chove arreo e que os rapaces invéntanas no aire... tamén. Un saber que non hai convenio con Clan tv, iso desde logo... Un estar certa de que son moitas horiñas e que se fan moitas cousiñas... claro que si.

Alá contra outubro, se as circunstancias son favorables, se non hai nada que o impida... quizais teña unha primeira impresión que me quite esta que teño creada froito dos medos, das versións, das opinións, dos xuízos de valor quizais infundados, das apreciacións doutros pais e nais... unha primeira impresión baseada nun intercambio comunicativo cara a cara, nun preguntar abertamente para saber...

Saber polo menos con quen deixas os fillos 5 horas ao día. Non é moito pedir... digo eu.

A escola...

10.9.14

Volta ao cole: purpurinas fronte a algodón orgánico


Acabou o bo, a preguiza, a liberdade, a anarquía, a improvisación… e volvemos ás rutinas, que fan boa falta para organizarse, acomodarse, aprender a prever, adiantar o que vai vir, a tranquilidade…
E hoxe o día amenceu con ansiedade. Volver aos lugares coñecidos, aos compañeiros e ás compañeiras, á diversión compartida, ao mundo por explorar grazas aos ollos doutras persoas que queren facerche mirar máis alá.
Cambiamos o mestre.
Soñei coa mestra nova. A ver se non se me cumpren os soños.

As nenas cargaron as súas merendas e o seu mandilón nas mochiliñas do ano pasado. Que están perfectas, non sei por que habería que cambialas. Non lle vexo sentido.
Estas elixirámolas nós. Son de pana. De algodón orgánico, cosidas por unha cooperativa de comercio xusto, non usan tinturas agresivas, e no seu proceso non houbo explotación de recursos, nin humanos, nin materiais.
Son simples, marróns, pequeneiras.

O patio estaba inzado de mochilas de purpurinas. Grandes, rosas, brillantes. Con princesas de Disney estilizadas, desas que pían porque un príncipe lle veña sacar as castañas do lume porque elas xa teñen traballo abondo con ser princesas estilizadas que pasan fame para lucir vestimenta, peiteado e cara guapa.

Ás nosas tamén lles caen os ollos por esas mochilas. Como non. Relocen máis ca o sol.

Ás veces téntame explicarlles que non sempre o que máis brilla é o máis bo. Detrás das princesas estará unha nena que coseu ata que lle doeron os seus dediños. E que nin de lonxe poderá chegar a princesa nin en soños, porque non saberá nin como soñalos. Detrás das purpurinas e dos rosas brillantes agóchase un mundo abusivo cos recursos dos que non teñen voz nin voto. A quen lle escachizamos sen compaixón o seu medio natural.

As purpurinas fronte ás feas mochilas de algodón orgánico só son unha metáfora máis. A lei de educación publicada onte, para non iniciar o curso na ilegalidade. Pasando por riba e desoíndo a comunidade educativa.
É mellor. É un luceiro da alba, din os políticos. Que sen saber nada, parece que sexan os que máis saben.

Estreamos aulas dixitais. Outra brillantina cegadora que agocha aínda quen sabe o que.

E así con todo.

Feliz volta ao cole! Que o rabaño non acabe de ser rabaño máis ca no Entroido, polo ben da humanidade!!

PD. Entregámolas falando 90% galego (custou dous meses de estratexias, de todos os tipos)... contra o venres confío conservar aínda o 50%... para a semana, xa veremos se a porcentaxe non acabo representándoa con números vermellos... Veña, a afacer os oídos a escoitar de novo o "uuupsss, me he caído"... #caghinostemposcompostosdocaralliñoamén #xanonseiseémellormandalasounonmandalas #aminquemeveñancoplurilingüismoquemefartoderir #laimposiciondelgallegoesotromisteriodefátimaquemisojosnovanllegaraver

(vese que o asunto tócame a fibra... enchíalles as mochilas de princesas e purpurinas se me garantisen o outro... así é).