Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

25.10.14

Desaprendendo

O mundo moitas veces éche curioso, curioso. E ás veces sorpréndete coincidindo con xente que che agrada, da que aprendes ou que sei eu.
Co twitter ultimamente pásame iso, que descubro xente, que non coñezo persoalmente, coa que teño unha coincidencia en moitas opinións, ou que me mostra cousas que me fan pensar.
Debe ser que me fago vella, que ultimamente só me presta rodearme por aquelas persoas que me agradan dun xeito ou doutro. Tanto ten a idade, as circunstancias, se a coñezo ou non e onde nos atopemos. 
Do resto intento fuxir o máximo posible, porque acaba por resultarme tóxico coma andar a chopos de lixivia pola vida.
O caso é que hoxe, así fochicando no twitter atopo unha foto de Niñóns, unha praia de Bergantiños. E sen pensalo púxenlle que era a praia da miña infancia. Éo, definitivamente. E coincidentemente, en datas aproximadas, tamén era a súa praia.
Quizais teñamos coincidido arredor do lume nalgunha ocasión. Eu cativa que nin chegaría aos dez anos e el (ou ela, non o sei) quizais tamén cativo, ou adulto (non o sei tampouco).
Pero en realidade pouco importa. O mundo é de todos, e só te fas consciente cando o pensas seriamente. Se se tivese máis iso en conta, outro galo nos cantara.
O caso é que me trouxo moitos recordos ver esa area, ese regato atravesándoa, ese mar frío coma o demo, ese monte abrigándoo todo.
Tantas veces xogando alí, correndo, apañando cágados, subindo ao monte, durmindo mirando ese ceo, bañándonos de noite, chovendo...
Eu tamén quero iso para as miñas pequenas. Non quero que só saiban viaxar en avión, ou en tren. Durmir en hoteis.
Eu tamén quero que saiban que a praia de noite cheira distinto. Que bañarse mentres chove é marabilloso. E que os cágados escorregan entre as mans coma se fosen pequenas onzas de xabón.
Que o día non acaba aínda que o sol non estea no ceo, e que a pel pode doerche cando a auga está tan fría coma o xeo.
Aprendemos a ir a todos os lados con todas as comodidades. A pensar que os nenos teñen que estar cómodos vivindo nas burbullas. Que non podemos romper as súas rutinas. Que debemos separar o seu mundo do noso. Non transmitirlles as nosas preocupacións, os nosos puntos de vista. Que os amigos que non teñen fillos separan as súas vidas das nosas e só conflúen nas ceas anuais, que as xeracións non se mesturan.
Nas nosas acampadas había avoas, avós, vellos, vellas, xente con fillos, xente sen eles, adolescentes, meniños pequenos, xente que tiña traballo, xente que non, emigrantes que volvían, outros que pensaban emigrar... e comiamos pan con algo da brasa, e bocadillos de chourizo e auga da fonte. E abriamos as portas do coche con música para bailar e cantar todos xuntos.
E por uns días, sen querelo, o feedback valía, sen pretendelo, para o que só hoxe, mirando cara atrás, podemos valorar: o respecto, a admiración, que a vida hai que afrontala como vai vindo, que non se necesita demasiado para ser feliz se queres selo, que no máis pequeno é onde se atopa o acougo e a calma...
Como puidemos deixarnos seducir por pensar que acumular é a solución: casar, traballar, ter fillos, hipotecarte, traballar máis para pagalo, traballar duro e pisando cabezas para promocionar, e crialos dándolles todo do que nós pensamos que carecemos...
Como nos deixamos enganar así?
Ás veces miro ao meu arredor e penso se a xente se está desaprendendo coma min... ou, polo menos, estarémoslles enviando a mensaxe  correcta aos nosos cativos e cativas ou viranlles con outro conto coma a nós?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...