A verdade é que chega un momento na vida no que te decatas
de que a xente vai e vén, acompáñate por momentos, despois desaparece, volve
aparecer ou xa non o fai máis nunca. E iso non é malo nin ten por que selo.
Os camiños son así, ás veces solitarios e ás veces
multitudinarios.
Con todo, manter relacións auténticas ás veces vólvese moi
complicado.
Ter fillos ou fillas cámbiache o taboleiro do xogo e incluso
as normas de xogo. Veste na obriga de manter relacións, ás veces superficiais,
arrastrados polas súas propias. Ás veces esas relacións afondan e derivan nunha
amizade ou, polo menos, nunha simpatía, e ás veces obrígache a gastar horas de
maneira demasiado superficial. De todo hai.
Agora que se achega o nadal, moitos dos meus amigos e amigas
volven pasar uns días pola terriña e volvemos quedar, atoparnos, vernos, falar
cara a cara e deixar á parte outras canles de comunicación, que axudan, pero
que non deixan de ser frías. Mirar aos ollos á xente axuda moito a determinar
se o que están dicindo é sincero, auténtico, pose, ou se só o di para deixarte
tranquila.
Ás veces unhas cariñas de moita risa nunha pantalla só son
un SOS disfrazado dun ei, podo con todo,
non te preocupes por min…
Eu ben sei que as miñas circunstancias cambiaron, e mal que
ben, vouno asumindo. Xa non podo andar de noite por aí (nin tampouco me apetece
máis que de cando en cando, todo sexa dito), e que moitas tardes quedar comigo
supón levar unha certa dose de parque infantil ou similar, e que mellor
xantares que ceas, mellor espazos abertos que pechados, mellor avisarme antes
ca no momento, para que poida planificar…
E inda así, intento adaptarme tamén ao que foi, para que non
todos teñan que facer o esforzo por min. Eu tamén podo/debo/quero facelo polos
demais.
Ás veces penso que o consigo e outras penso que non. Se non,
non explicaría por que algunhas persoas me exclúen dos plans sen consultarmo.
Ás veces véxome intentando xustificar por que nin sequera
hai un intento de inclusión. Non así con todas as persoas, loxicamente, se non,
pensaría que de verdade algo pasou, hai moita xente, por fortuna, que aceptou
os cambios, que os asumiu como naturais, que facilita as “quedadas” ou que,
polo menos, continúa enviando as convocatorias tamén “de adultos” para que, se
pode ser… que por preguntar que non sexa. E cando pode ser, é marabilloso e
produtivo. Teño que dicilo, esas conversas que rematan ás tantas da mañá son
tan proveitosas que nin dun máster intensivo sacaría tanto.
En cambio, noutras ocasións, cousa que me desconcerta,
cóntase comigo noutros ámbitos e despois, á hora de facer o que era tan cotián…
pois non.
Xa digo que me desconcerta, porque eu si que sigo facendo
mil cousas, e si, tamén necesito desconectar do diario, dos arrefriados, das
merendas, dos comedores, das extraescolares, do cole e de todas esas conversas
de “puntos comúns” con xente coa que te ves na obriga de interactuar.
Sígueme interesando a lingua, a política, o ensino, as vidas
persoais das persoas que me importan e que quero, a música, os concertos, os
festivais, saír pola noite, as novidades literarias, as exposicións, as feiras
culturais, o cine, a sociedade en que vivimos, a vida en xeral e nada en
particular…