Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

9.11.14

Applícate o conto

Por casualidade fun dar con esta aplicación que fixeron unhas mestras para animación á lectura. A aplicación está moi ben, con contos de rapaces, ilustradas por eles... gústame calquera iniciativa de animación á lectura, inda máis se é en galego. A verdade.
Pero ao tempo, suscítame sentimentos encontrados, como xa puidestes ler en moitos outros post que teño escrito neste blogue.
Sempre me gusta ver que hai xente que loita por ir mordendo pequenos espazos lúdicos para os pequenos e non me canso de asistir a contacontos, teatros, presentacións, xogos... nos que a presenza da lingua é un reclamo.
Moitas veces teño que asumir a realidade e engulir fel cando vai rematando e teño que saír cos oídos ou cos ollos botando bágoas e morder a lingua para que non me saia un enormísimo MÁTAME CAMIÓN!
Os atentados contra a fonética, a gramática e a sintaxe son tan frecuentes e habituais que case acabas asumíndoo como o normal e o esperable...
Ao final xa dubidas ata de todo. Acabas por aceptar que aínda que a calidade sexa cativa, polo menos é en "galego" ou "pseudogalego".
Con isto pasoume igual. Co fácil que sería chamarlle Applica o conto, e seguiría tendo o xogo de palabras, xa me bota para atrás á hora de ensinárellelo ás nenas.
Porque non se trata dunha iniciativa persoal así a secas, ou comercial, na que ti podes elixir ou non quedar con ela... trátase de mergullar os nosos futuros galegofalantes na lingua...
A parte de animalos a ler, a contar, a escoitar, a imaxinar... non digo que non se cubra. A de aprender unha lingua de maneira correcta... pois non, a verdade.
E despois aínda temos que oír que somos uns roñóns, que a todo poñemos pega, que somos uns talibáns da lingua...
Quero imaxinar as declaracións dos pais e nais se isto se fixeseen castelán nun colexio, que sei eu, extremeño, e as mestras, con toda a súa boa vontade, sacasen unha aplicación inzadiña de erros de ortografía e gramática, ou usando un nivel de lingua desaxeitado... ían levar que rañar para toda a semana.
Eu non quero sinalar a ninguén, e non podo máis que darlles os parabéns polo esforzo, polo traballo, por querer facelo de maneira ilusionante en galego... Pero un pouco de rigor á hora de usar a lingua penso que non é unha esixencia moi dura, cando estamos falando de "ensinantes da lingua".
A min sábeme mal ter que prender o ordenador e comezar desacreditando a historia: mirade, isto non é así, non se pode dicir "aplícate o conto", é un calco do castelán, en galego o verbo é "aplicar", non "aplicarse" e nós temos unha fraseoloxía riquísima e bastísima que teremos que ir aprendendo (ao parecer, na casa).
Non quero ser inxusta, nin poñer tacha á obra, lonxe de min ese sentimento destrutivo. Só digo que, inda que sexa, que mo pasen a min que llelo reviso nun momento e encantada da vida...
E deixo un deses vídeos que ilustra esa delgada liña entre ben e mal no calidoscópico tema da lingua. Por unha banda, xuntabámonos todos cantando en galego na rúa, galegofalantes e castelanfalantes, por outra, os paleos sentiamos que "o noso" estaba mal porque non era o que viamos no modelo, e os "neos" aprendían unhas pautas totalmente equivocadas.
É unha mágoa que non se puidese estudar que foi o que aconteceu a partir de aí. Agora arrepíame escoitar a tantos "paleos" colocar mal o pronome e usar a conxunción "y" cando se atopan en contextos "formais" e moitos "neos" tan despreocupados incorrendo unha e outra vez en erros facilmente emendables e que todos coñecemos de sobra.
Podería poñerme a meditalo e a falalo seriamente, pero non é o lugar. Hai xa moitas persoas que saben o que din e por que o din. O meu é unha humilde visión parcial.
Velaí o amor/odio cara a Aerolíneas federales, por poñer un exemplo.



2 comentarios:

  1. Éche coma o novo anuncio do Gadis: "... volver a nacer". Despois de gastar tantos cartiños, non poderían darlle 10 euros a alguén que revisase a lingua e lles dixese que esa perífrase en galego non leva a preposición?

    ResponderEliminar
  2. Si, moita galeguidade, pero o tema da lingua bastante descoidado (sen entrar xa na fonética, que vaia pola necesidade...). Moito hai que roer...

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...