Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.12.14

Acaba un ano

Outro máis de escolarización. Deses de estar "ao outro lado". Prometo que, cando retorne á docencia, a miña empatía cos pais e nais dos abrochos estará traballada moitísimo máis a fondo. Como me toque ser titora, penso chamalos a todos con toda a frecuencia que poida e máis.
Chegaron os traballiños, as nenas todas contentas cos seus experimentos e os seus centos de folios de traballiños encadernados. Traballar, traballaron a eito, non se pode negar.
As "notas", a verdade é que as abrimos máis porque nos preguntan por elas ca polo noso interese nelas. A estas alturas da vida, só deberían ser relevantes aspectos como "ten problemas de tal ou cal aspecto graves que necesitan un especialista", o resto é pouco relevante, digo eu, irán madurando aos poucos e todas e todos chegarán a ler, escribir, debuxar por dentro, separar palabras e todas asquelas cousas que se supoñen obxectivos que cumprir.
Pero si que boto a faltar un informe en que as valoracións sexan máis subxectivas. Iso que antes se daba no cara a cara dos teus pais cos mestres e que agora non existe, porque son tantos, as titorías tan escasas e tan inaccesibles que é máis que probable que só teñas 10 minutos de toooooodo un curso escolar para que a persoa coa que compartes a vida dos teus rebentos che dea a súa opinión rapidiña (a poder ser).
A min iso paréceme o peor, non o podo negar nin disfrazar.
Sei que a culpa é do "sistema", non lle vou apoñer culpas a quen non as ten, pero vaia ocorrencia limitar a participación de pais e nais na educación en etapas como infantil. Cada vez que o penso, arrepíntome cen mil veces de non ter apostado por unha unitaria. Se a profe coa que contactei antes de nada xa falou máis comigo en dous días ca toooooooodo o resto de mestres que tratan as nenas en case dous anos!!!
O ano pasado había un informe. Vale, era o mesmo para 25 nenos, pero era o cravo ao que te amarrabas para quitarche un pouquiño ese sentimento de estar fóra da vida dos teus fillos tantas horas e non saber nada nin por un buratiño (benaventurados aqueles mestres que teñen blogue de aula, sexa aberto, pechado ou como queira que o deseñasen, eles son elevados aos altares nas longas horas de parque polo feito de ter ese porteliño aberto, tanto ten o que fagan, a súa metodoloxía, os seus resultados... só esa confianza que dan xa é moito). Os demais, pois temos que roelo así.
Este ano non hai informe. Non é que nos faga falla. Nós podemos intuír como vai só con ver se teñen gana ou non de ir ao cole.
Sabemos cando non están felices porque tiveron un problema no patio. Ou porque sempre cando xogan aos roles lles toca "o peor papel" un día si, outro tamén. Vemos que seguen sendo unhas covardiñas cando chega alguén e dunha patada lles desmantela o xogo que armaran durante unha chea de tempo no parque, ou cando baixan correndo do tobogán porque se senten ameazadas por nenos ou nenas máis seguros que pisan máis forte. Vemos que teñen interese por saber, porque nos acribillan a preguntas sobre isto ou isto outro. E tamén vemos que van adquirindo o rol de "nena-nena catálogo", que reproducen estereotipos que aprenden dos iguais e outras cousiñas que teremos que ir traballando nós.
Pero non, este ano xa nin houbo informe.
Debo supoñer tantas cousas que de tanto supoñer férveme a cachola.
A min o tema da escolarización decepcionoume, non o vou negar, porque as experiencias doutras persoas próximas foran ben distintas. As miñas respostas case sempre son: non sei, non sei, non sei, ah, non sabía, ai, pois logo, tanto así? pois non tiña nin idea...
E non. Non é desleixo. Prométovos que non o é. A min, inda que me sacase tempo, esforzo e o que fose, encantaríame participar. Encantaríame poñer o meu gran de area. Encantaríame "saber de que falan".
E o máis malo de todo, é que xa me resignei.
Ultimamente a miña vida resúmese en que a resignación enguliu o meu verdadeiro eu. Este ano que vai rematar viviu cuberto dese pano resignatorio e eu xa non son a mesma eu, son a eu-resignada.
1. Resigneime a que a escola das nenas é un ente á parte da nosa vida. Que intentamos facer coma eses circuliños que de tanto chocar acaban entrando e tendo puntos en común, pero non hai xeito. Sempre acaba chocando e saíndo disparado con máis forza.
2. Resigneime a que a lingua de fóra da casa non sexa a mesma ca dentro e que haxa que estar sempre con algunha xustificación na boca cando non debería haber necesidade.
3. Resigneime a continuar inercias en moitos e importantes ámbitos que me fan infeliz e sentirme fatal e pouco valorada moitas horas ao día.
4. Resigneime a pensar que non podo cambiar as cousas, cando antes tiña máis valentía para afrontar e enfrontar as situacións.

Este ano vai alá e, en termos xerais, foi un pouco merda pinchada nun pau, porque non souben aproveitar como debera esas persoíñas que pululan sempre ao meu redor e o pouco tempo que teño para pasar con elas, nin eses momentiños que, de aproveitalos, son o que te fan feliz ao cabo do tempo.
Os anos impares sempre foron mellores para min, case todas as grandes cousas me sucederon en impares, así que teño esperanza que este novo me traia valentía e sabedoría para cambiar o que non me gusta polo que me gusta, para apartar con decisión do que me resulta tóxico e para encherme de forzas para compensar o que considero que non está compensado co que poida tirar da miña colleita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...