Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

14.12.14

O Nadal... Ti tamén, Nadal, ti tamén...???

Estes días as pequenas parece que falan máis galego ca nunca, e mellor ca nunca. Por fin empezan a contraer as preposicións e os artigos... xa case afixera o oído e xa nin me poñía os pelos de punta escoitarlles dicir "podemos pintar en a mesa?" (a todo se afai o ser humano)... E entón leo a enquisa, non me di nada que non percibise polas miñas parabólicas, pero aí está, tan pouco subxectivo que non deixa lugar a dúbida. E cáeme a alma aos pés e o meu ilusionante novo estado vese asolagado pola solidariedade con todos aqueles pais e nais que, inda transmitindo e poñendo todo o seu empeño, ven como a transmisión rompe, polas razóns que sexan, e os seus abrochos non din migalla da lingua que lles falan os proxenitores... Do resto, dos que xa non transmiten, xa non digo nada. A casuística e as motivacións son múltiples, variadas, inexplicables, moitas veces prexuizosas sen querelo ou queréndoo consicientemente... vaia, que cada un na súa casa... en fin. Oxalá as percepcións sociais cara a lingua fosen ben diferentes, xa non habería argumentos, pero iso é fariña doutra muiñada.
O caso, estaba eu tan contenta con esta evolución positiva que se vai producindo na miña casa, en serio, tan cuantitativamente e cualitativamente positiva que estaba ata pensando en buscar os colaboradores e colaboradoras e comelos a bicos.
Entón entramos de cheo no tema Nadal. Ben, a profe de música buscou unha panxoliña xenial, que á parte de non falar de niñosjesuses, reyesmagos e belénviviente, e que é unha canción como podía ser outra, pois ten un ritmo chulo e unha letra graciosa e en galego.
E elas cántana e inchan o papo coma se fosen grandes divas da canción. E o mellor, grazas a iso, xa espertou o interese por saber o que é un peto real, e descubriron que é igualiño ca o "pájaro loco" dos debuxos, que peteira nos troncos, que ten crista vermella... cantidade de léxico, datos científicos e moitas outras cuestións que aprendemos grazas a unha canción, un ordenador e unhas cantas follas impresas. Aí queda iso só cunha das estrofas.
E chegamos ao momento do xogo. E cada vez os xogos de imitación introducen máis o galego. Ata agora era impensable, os médicos, as casiñas, o cole, o súper... case todo era en castelán. Pero pasa o tempo e xa son xogos máis sofisticados (produto de máis experiencias vitais e máis madurez) e abranguen máis campos de imitación e, de novo, volve entrar o galego: ir ao monte apañar cousas, facer debuxos, cociñar e preparar unha festa, patinar, ir ver unha obra de teatro, viaxar no tren para ir a algures, representar ou contar un conto, facer un espectáculo... (o noso traballiño vai dando os seus froitos!!).
Imos recuperando ese espazo para a nosa lingua, é marabilloso, claro.
Pero chegan os catálogos que nos deixan diario diante da porta con premeditación e aleivosía. E toda a bonequería e bichería variada acórdalles de novo e dálles por recuperar os xogos coas bonecas e as bonecas non falan galego. As bonecas cóidanse, vístense e aliméntanse en castelán, e lévanse ao parque en castelán.
Eu recordo a miña infancia, nun barrio galegofalante, practicamente todos galegofalantes, e xogando coas barbies en castelán, porque a ficción incluía certo grao de verosimilitude e ¡que credibilidade tiña unha loira espectacular falando galego! Pois iso. Os mundos parece que non avanzasen un carallo en trinta anos.
Parece unha superficialidade, pero se os referentes dos rapaces e das rapazas, pequenos e non pequenos, falasen galego, outro galo nos cantara.
O furby... cantos furbys venden en Galicia? (eu xa vou contribuír con dous, mal que me pese), pois é un programa, canto custa que a app traia o galego como opción? ben pouco, probablemente, o que lle custe a tradución ou a revisión da tradución, e máis nada, pois non, a 80 euros por furby, se todos fixésemos presión, digo eu que non lles quedaría outra. Unha boneca que fale galego, os videoxogos que falen galego, as películas que inclúen dobraxes, que estean en galego...

Si... a culpa é das familias, di Fakejoo... e queda tan largo coma longo... papaverzas...

Chegados a este punto, boicotéame a escola, boicotéame a sociedade en xeral: o supermercado, o concello, a administración, as actividades culturais, as deportivas, as casas de bólas dos cumpreanos, os iguais que mas miran "raro", as grandes superficies, os debuxos animados... e agora o Nadal, tamén o Nadal...

Pois si... tamén o Nadal, aínda que vaiamos compensar o furby con contos en galego, espectáculos en galego, tempo coas nenas en galego xogando a mil xogos sen xoguetes e con eles, o Cenorio, barallas mudas e todo o que nos pase polas mans... sei que o furby nos vai gañar a todos, polo menos un tempo, e vai estar no podio. E ou consigo que me fagan caso os da empresa e acaben ofrecendo a opción da nosa lingua, ou xa podo ir buscando unha boa capa peluda de cores, uns ollos desorbitados, unhas orellas enormes e poñerme a traballar...

Non tiña que ser tan difícil... non? Cansa ter que vivir sempre á defensiva, sendo a resistencia...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...