Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.5.15

ETIQUETAXE

Logo desta fin de semana constatei varias cousas: que as persoas que me queren, quérenme de xeito incondicional, e alégranse de todo o bo que me pase e máis. Iso non hai cartiño que o pague, é un feito.
Moi contenta por gañar o premio, como xa dixen, por ser en Carballo, e por ver que alí se traballa arreo en prol da normalización. Congratúlame e reconcíliame coa política e cos políticos coñecer os proxectos e as intencións das persoas que miran polo ben común e que, por riba, valoran con sensibilidade a nosa cultura e a nosa lingua, independentemente de partidos e ideoloxías.
Polo resto, un pouco alucinada con algunha entrevista que acabou sendo case un procurar que pola miña boca saíse o que non ía saír de ningún xeito e esa sensación de que, ao final, os pequenos xestos incluso poden acollerse con acritude.
O que penso da política lingüística deste país (así como da liña que segue o neoliberalismo capitalista e a globalización con respecto a moitos outros temas, sobre todo os que teñen que ver coa educación e con outros servizos básicos) é coñecido de sobra polos que me rodean e incluso polos que asoman por este blog.
É certo que son unha humilde persoa, cunha formación académica que non é para tirar foguetes porque non tiven a ocasión, que teño unha visión da vida parcial (supoño que coma todo o mundo) e que, quéirao ou non, tamén albergarei os meus prexuízos, que intento erradicar cada vez que caio neles. Non son estudosa de nada, non son academicista e non sento cátedra. As miñas opinións son miñas e sempre froito da miña experiencia e da miña maneira de entender a vida. Nunca uso palabras inaccesibles para a maioría, nin fago miñas teorías que outras persoas se encargan lucidamente e atinadamente de poñer no papel.
Estúdoas e léoas con interese e collo para min o que penso que podo aproveitar e deixo correr o resto. Nunca pretendín sentar as bases de nada e non creo que o vaia facer nunca.
Danme arrepíos todas esas aduanadas que este ano sucederon co gallo do Día das Letras, porque pensaba que non se podía ir a peor, pero si que se pode.
Eu non son de homenaxes, a miña vitalidade faime apreciar mellor que a lingua non se torne algo testemuñal e os actos festivos "para lo del gallego" danme máis rabia ca ledicia. Hai moita xente que deberiamos estar festexando e homenaxeando e que atopamos a diaro nas nosas vidas. Comezando por todos os transmisores da lingua -pais, nais, avós, avoas, tíos...-, todos os mestres e profes que serven de exemplo e que se esforzan nas aulas xa non só por dar a súa materia, senón por ir moito máis alá -e creo que xa todos saberán ao que me refiro-, todas as persoas que exercen un traballo ou profesión en galego, todas as empresas que elixen vivir en galego, todos os escritores e escritoras que nos fan soñar en galego, todos aqueles rapaces e rapazas que deciden conscientemente non cambiar a súa lingua cando socializan...
Hai centos de cousas que se fan mal, por desgraza, moitas delas proveñen de quen precisamente debería facelo só e unicamente ben, sen fallo, pero tamén hai moitas que se fan ben, inda que ás veces parezan cativas. Co tempo, as cousas cativas poden acabar volvéndose grandes e incluso enormes.
E a solución? Obviamente, para a normalización se existise a fórmula máxica, xa seriamos moitos traballando arreo para aplicala, pero non a hai.
No que respecta ao artigo que eu escribín, os prexuízos, moitas veces creados inocentemente (no sentido de que nos veñen dados polo que nos rodea sen máis reflexión), outras moitas máis intencionados e provenientes de discursos case sempre acomplexados, só desaparecen cando reparamos neles. Cando os analizamos e os cuestionamos. Cando os reviramos e empatizamos. E non só no que se refire á lingua, senón tamén en moitos outros ámbitos.
Aqueles que foron obxecto de etiquetas reducionistas que marcaron momentos das súas vidas saberán do que falo. E aquí si que hai unha fórmula máxica para traballar a sensibilidade cara aos prexuízos e chámase EDUCACIÓN.
É por iso polo que levei a camiseta verde, porque desexo que a educación pública e de calidade non sexa só un lema, senón unha realidade que enchoupe a todas as xeracións que están pasando e que pasarán polas aulas e polas actividades extraescolares. Na sociedade en que vivimos, só con educación, con amplitude de miras, as persoas serán libres. É un feito.
E para mostra... nun dos xornais que publica o artigo, aparece baixo a etiqueta de "nacionalismo"...
Pois éche o que hai...
Velaí o texto e grazas de novo a todas as persoas que o lestes con bos ollos, que me mostrastes a vosa simpatía e confío en que o meu pequeniño gran de area fixese pensar a algunhas persoas... Obrigadinha!!


Etiquetaxe

O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. [galegofalante]
Pola lingua que usaba supúxoseme unha orixe, unha filiación política e unha forma de ver a vida estereotipada. [nacionalista]
O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro. [minusválido, feminazi, maricalla]
A min foi así como empezou a doerme a cuestión da lingua, sentíndome etiquetada.
A primeira vez que alguén me preguntou por que falaba galego, tras a miña estupefacción pola agresión á intimidade, respondín dando razóns polo miúdo. [prepotencia, intimidación]
E continuei dándoas ata que me decatei de que nunha cuestión en que entran en xogo os prexuízos é moi difícil non ter que estar a rebater falacias de maneira infrutuosa.
Os prexuízos non son racionais, polo que non se dan eliminado axiña, precísase de moito máis ca un argumentario intelixente e cómpre moito traballo de fondo para erradicalos, de aí a tan necesaria a implicación de moitos e moi variados ámbitos.
Cal pode ser o motivo de que calquera persoa racional saiba apreciar que os coñecementos suman, que dominar unha lingua é unha riqueza, e que esta non é un ser vivo que vai facendo o mal por aí… e, con todo, se constate tanta acritude cara a lingua? Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]
Nunha ocasión, unha alumna moi creativa confesoume que eu non lle resultaba nada gailana. Os gailáns son os pailáns que por riba falan galego. [neoloxismo, gailán]
As etiquetas sempre nos andan roldando aos galegofalantes. Hai por aí unha clasificación popular que acollín con humor, inda que sexa triste, que divide os falantes en paleos (de lingua materna) –entre os que se encontran os que mamaron a lingua pero que a usan de xeito diglósico, e os conscientes–; e os neos (de lingua aprendida) –nos que están os obrigados (radio, televisión, política…), que non o usan na vida cotiá nin se preocupan por un mínimo de rigor –os nonai, os choxuro e os ieu– e os neos combativos. [paleofalantes, neofalantes]
Os paleos conscientes e os neos combativos normalmente son os que máis reivindican os seus dereitos e os que aspiran a unha vida normalizada. [*repunantes]
Coa ampliación da familia decateime de que tamén acaba sendo materna a lingua da escola infantil, dos iguais, da veciñanza… Agora, ás veces cando as fillas me falan penso en como se debían sentir os emigrantes dos oitenta nesas pobres conversas interxeracionais en lingua estranxeira. [lingua materna, diglosia]
No meu caso a comunicación é efectiva, obviamente, pero non afectiva. E con isto gañei outras etiquetas. [radical, intolerante]
Mais inda con todo, o meu discurso cotián é positivo e traballo arreo para esborranchar etiquetas. Cada persoa que reflexiona sobre a súa actitude cara a lingua grazas aos meus esforzos é forza que sumo.
Ao final daquel curso a palabra gailana desapareceu do idiolecto do grupo e a min deume azos para seguir traballando por unha situación en que elixir vida en galego non teña que doer. [etiqueta, prexuízo, daniño]

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...