Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

7.11.15

Canto tempo sen pasar por aquí!

E a vida mudou e púxose do revés e patas para arriba e patas para abaixo... e como se adoita dicir, cando pecha unha porta, quizais se abra unha fiestra.
E así, pola miña ignorancia e mala praxe, vinme envolta nun destino que non contemplara nos meus plans, e en 24 horas tiña casa nova, cole novo, traballo novo e case vida nova, sen dar tempo a dicir ai!
Así que agora andamos polo sur, aproveitando o clima e a vida tranquila coa que non contabamos.
Os comezos, coma todos os comezos, un pouco difíciles, pero parece que todo se vaia asentando.
Mil veces teño a sensación de que lle faltan horas ao día e tempo ao tempo para poder facer todo. Mil veces ao día repítome que teño que esforzarme máis, traballar máis, ver as cousas con outra perspectiva ata que atope a fórmula que me permita "salvar" a todos e a todas os meus raparigos, e comprométome a facelo así, en canto xa todo se encarreire.
Eu non quería ser titora. Porque ao final implícome ata o infinito e non me conviña nestes tempos, pero tocoume, e iso faime levar doses de humildade intensas e acotío. A miña empatía ten que ir a máis por forza, iso é así.
Millóns de anécdotas que non son para contar nun blog, claro, pero coñecéndome xa as podedes imaxinar. Algunhas veces ríome tanto que me saen as bágoas. Teño claro que, por moi duros que parezan ao comezo os rapaces e as rapazas, son simpáticos e boa xente canto queren e máis. Gústame traballar con eles e aprender deles, aínda que ás veces me sinta saturada de tanta dispersión e tanta cabeza tola.
O cambio foi positivo, teño unha flor no cu, iso é un feito.
O cole das nenas é marabilloso e estupendo, unha unitaria rural, con poucos rapaces e cheo de mestres e mestras que os acariñan, os collen no brazo no recreo interminable mentres vaia bo tempo e lles dan todos os bicos que precisan. Tamén poden ir os bonecos cando a noite non foi boa ou se bota de menos a calor do que se deixou atrás. Apáñanse castañas, fanse festas e pódese ir disfrazado. Os pais e as nais agardámolos ao pé da porta da aula e falamos cos mestres a diario. Somos, sen querelo, case unha familia grande, unha tribo, educando os cativos.
Carmela axuda moito os pequenos de tres anos que acaban de entrar no cole. Axúdaos coa roupa e a recoller no sitio as cousas.
Icía bota de menos o traballo máis intenso, pero empezou a relacionarse moito mellor, está máis alegre e máis despreocupada ca nunca. Alí ninguén pega, ninguén é "mandón", ninguén vai máis guapo ou máis guapa, non hai princesas nin trangalladas da tele... non ten que medirse nin compararse con nada.
Este é o seu cole: http://cramestremanuelgarces.blogspot.com.es/
Para nós é o mundo que buscabamos para crialas. Paseamos na bici, imos ao monte facer camiñadas, aprendemos os nomes das plantas tocándoas coa man... o que debería ser normal e que non atoparamos...
Eu aproveito ser arraiana para (por fin!) practicar portugués, vou a aulas á EOI e cruzamos o río para confraternizar cos veciños, que teñen tanto que ofrecer (sen ser toallas a quilo...).
Por sorte, alí xa tiña xente que non fixo máis que acollerme con alegría, algo que agradezo profundamente, que me presentou outra xente estupenda e, desde logo, uns compañeiros e unhas compañeiras de traballo que me sorprenden para ben, totalmente. Tan profesionais e tan respectuosos, traballadores e implicados que non me queda máis que quitar o sombreiro ante eles e o seu labor.
E hoxe viñemos á casa, para un cumpreanos dun antigo compañeiro, e podíase ir disfrazados. Mentres a recua de princesas ía entrando na casa de bólas do cumpre, Carmela puxo unha braga na cabeza, porque era un coello ao que lle ían saír as orellas aínda, e Icía unha camiseta cunha carapucha de Frankenstein...
E a min o orgullo case me rebenta a caixa do peito! Nin fadas nin princesas...




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...