Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

25.11.15

O positivo, sempre

Estes días lin un libro que se titula Como é linda a puta da vida, de Miguel Esteves Cardoso.
Collino na biblioteca simplemente porque me gusta o autor, a súa axilidade nos artigos que leo de cando en cando en publico.pt.
Todos os artigos que reúne neste libro xiran arredor dun tópico, que é o seu sentimento fronte ao cancro que lle diagnostican e lle tratan á súa compañeira da vida.
O libro suscitoume unha mestura de sentimentos xa que, sen caer no sensacionalismo, consegue transmitir a frustración que se sente na vida cando che cae unha desas no camiño sen contar con ela. E todo o que parecía importante cae da punta da pirámide e refás todos os teus horizontes e todas as túas expectativas.
Ultimamente a percepción sobre o ensino tamén me está virando de arriba para abaixo. Estou moi involucrada lendo blogs, artigos, conferencias, vendo vídeos e proxectos docentes de persoas que levan anos traballando aspectos que van moi ao fondo en cuestións como a forma de relacionarse, as expectativas vitais, os conflitos en todas as súas versións, os prexuízos, o sentido crítico fronte ao que acontece ao noso arredor...
Cando tes pensado explicarlles algún contido e cos textos que usas descobres que máis dun rapaz ou dunha rapaza remexe na cadeira e acabas decatándote de que está mandándoche un sinal (ou un millóns deles se estás atenta), é algo para o que non te prepara ninguén en ningunha facultade.
Cada día penso máis en serio que nun futuro non moi afastado teño que poñer as pilas e estudar psicoloxía ou psicopedagoxía, ou algo que me proporcione as ferramentas que necesito cando non me chega só coa miña intuición ou experiencia e co meu sentido común.
Por iso me dá tanta carraxe cando me falan de reválidas que hai que pasar. Reválidas que me obrigan a obviar parte deses sinais, que non podo atender durante as miñas escasas horas e o meu numeroso alumnado, porque teño tanto por facer para chegar a uns mínimos que non permitan que no papel se me cualifique de mala docente que perdo o realmente importante.
Ás veces, cando leo ou escoito algún discurso sobre como debe ser a educación, ditado desde un despacho que non lles deixa ver a realidade, gustaríame que se erguesen comigo un luns e acabasen a semana coa cabeza tan chea coma min. Non sei por que non lles chama á atención que onde eles ven bosques, sen tan sequera biodiversidade, nós vemos árbores únicas, que dan froitos únicos, que medran nun terreo único e que terán unha traxectoria única.
A burocracia estupidiza a profesión, aínda que desde as altas instancias se considera que non. Non vou facer corporativismo, porque na docencia, coma en todas as ramas, hai xente máis e menos boa, mellor e peor comunicadora, máis ou menos implicado ou máis ou menos interesante, pero aínda me quedan por ver eses malos docentes que só pensan nas vacacións e que só tiran de libro de texto e clase maxistral, como tantas veces retratan a profesión. Alguén haberá, pero será a excepción, seguro.
Estes días estou traballando a violencia de xénero cos pequenos. Poñéndolles vídeos, mostrándolles lemas de carteis, iniciativas doutros centros, debatendo ideas... é marabilloso velos reflexionar e á vez dá vertixe ver como se recoñecen en certas situacións. Hoxe fun un paso máis ala, e puxen a curta titulada Convidados de pedra (https://www.youtube.com/watch?v=Lp7r2a7muEA), gañadora dun premio recente, que é marabillosa, e cando pitou o timbre, podíase cortar o aire cunha tesoira...
E mañá escribiranme a súa percepción nunha narración chea de faltas de ortografía, sen estruturar en parágrafos e coas ideas desorganizadas... pero co tempo iso poderei traballalo. O outro non... o outro é agora ou despois pode ser tarde... Non sei se a burocracia se decata diso...
Eu sempre positiva e en positivo, e despois coa lei e coas reválidas... xa veremos que é o que sucede.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...