Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

16.7.16

Resurrection Fest

E fun ó Resurrection. Non son eu fan do hardcore, pero moitas veces cando saio das aulas teño que poñer o volume a tope e ir tronando a tope.
As estrelas eran os Iron Maiden, pero eu en realidade fun por Offspring. Quen me ía dicir a min nos 90, cando era tan seguidora deles, que vinte anos despois os vería nun festival. Paseino ben, lóxico, foi un dejá vu en toda regra, agora... velos vestidiños tal cal hai vinte anos foi como un pouco de guasa, as cousas como son.
O meu ránking queda así:
1. Bad Religion, moi dignos e xeniais, había como millóns de anos que non os escoitaba e gustoume moito.
2. Offspring por divertido o concerto, pouco máis.
3. Volbeat, para min a gran revelación. Xa son fan deste grupo, gustoume moitísimo o seu directo e agora non deixo de poñelos na casa.
4. Iron Maiden. Si, o espectáculo ben, e cantaron algunhas das míticas, pero creo que debían algo máis. Había alí un lote de incondicionais que, facendo un concerto máis revival ían mexar por eles, debíanllo ao público un pouco pero vaia...

O resto tamén o pasei un pouco cos tapóns postos nos oídos e oíndoos desde a praia, que me chegaba ben. Xa son unha señora, estes festivais e durmir na furgalla xa me rebenta o corpo. Iso si, leveino con máis dignidade da que esperaba :D

Déixovos unha ligazón, para os que gostedes:


15.7.16

Facendo sombreiros de papel con fado de Ana Moura de fondo...

Miña nai educounos a golpe de Juan Pardo, Rocío Jurado, Isabel Pantoja e Julio Iglesias... dous fillos saíronlle fans de Combo Dominicano, outras dúas non seguiron esa esteira.
Inda con todo, moito xogo dei eu nos karaokes, coa miña voz de galiña choca pero sabendo a letra da primeira á última.
Así que cando teño as nenas pola casa ao meu arredor, sempre procuro poñer música variada e diferente que lles poida gustar.
Agora mesmo temos unha chea de revistas vellas abertas, e estamos facendo gorros e barcos de papel... Ben, eu fago e elas pegan gomets e desfán un pouco o choio...
Onte merquei parte dos seus libros de texto do ano que vén... Teñen elas máis libros en primeiro de primaria ca a miña titoría de 1º de ESO, que só tiñan 3... Aquí ímonos a 8...
Vaia, pasamos dunha unitaria en que aprendían a bailar, cantar, relacionarse e traballar por proxectos que eles mesmos ían construíndo a 8 libros de texto, bravo polo cambio!!! (é ironía, claro), iso que eu aprecio e valoro o traballo (moitas veces excelente) que hai detrás dun libro de texto.
E sei que os cartos que custan están en boa parte xustificados (o resto é para manter a industria, o que tamén é lexítimo), hai moitos autores, correctores, editores, ilustradores, deseñadores, tradutores, etc., que poñen o seu labor diario para facer un material xeitoso e ben pensado.
Iso si, tamén me encantan os macarróns ao forno e miña nai inviste horas en cociñalos e non os comería 5 veces ao día 7 días á semana... Enténdeseme, non?
Sei que a LOMCE é un despropósito. Sei da terrible ratio nas aulas de primaria (e nas de infantil, e nas de secundaria!), sei do precario traballo en cadros de persoal que se moven de curso para curso... Ben sei de todo iso e por iso non digo nada, que a sorte nos acompañe.
O meu disgusto é co despropósito de educación que se preconiza desde a administración. É así.
Estes dous pelouros que non saben ler, escribir e que debuxan coellos que parecen churros e persoas que parecen alieníxenas mirándose a espellos da risa... E agora vexo ese tocho de libros que deben pesar 4 quilos e as horas que se supón que van investir sentadiñas facéndoos e cáeme a alma aos pés.
Roubámoslles a infancia, apurámoslles contidos que teñen moooooito tempo de adquirir e que non son significativos aínda para eles...
En fin. Ao que ía. Mentres fago gorros de papel e barquiños adornados, poñemos de fondo un pouquiño de Deolinda. Non vou poder ir ao concerto, así que cantamos na casa. E elas pregúntanme, mami, estes cantan que parece ás veces galego e ás veces inglés :D :D :D, en que cantan? E falamos de mil cousas e despois póñolles pequenas peciñas que adoro... para ir creando o pouso. E ao resto, sobreviviremos.


12.7.16

O demo aínda anda por aquí...

Canto hai que non nos vemos,
máis hai que non nos falamos.
Xa o camiño bota herba
por onde nós paseabamos...

Supoño que logo de tanto tempo sen escribir pasaron tantas cousas que todo parece un pouco sen sentido. Veño de saber do pasamento de Fernández Paz e iso encheume dunha tristura inexplicable, coma a de perder un amigo co que, polo si ou polo non, hai mil anos que non falas, pero que descobres que tiña un sitio no teu corazón máis grande ou máis fondo do que imaxinaras.
Non o coñecía persoalmente, e só intercambiaramos unhas palabras e uns pareceres grazas a este marabilloso mundo dixital que che permite interaccionar cun escritor que sempre citaches, recomendaches e do que gostaches... A vida é así. Marabillosa, por veces estraña e tamén ruín en ocasións.
Consólame saber que sei de certo que se sentía querido por tanta xente que por forza tiña que ser feliz, e iso non é algo que poida sentir calquera persoa. Agustín foi un exemplo de integridade e de amor pola lingua, sentiremos a súa falta.

Por outra parte, rematou o curso, abandonamos o Baixo Miño e alí deixamos amigos, experiencias e momentos que levaremos os catro no corazón. Algunhas fotos que agora revexo das nenas cos seus amigos son para morrer de amor. Tamén levarei a cada un dos meus titorandos na miña memoria. Obrigáronme a avaliar a vida desde 21 perspectivas diferentes cada día. E aínda que foi un esgotamento mental, ao final pagou a pena. Fixéronme medrar máis do que eles imaxinan. Oxalá as súas vidas poidan transcorrer felices e tranquilas, porque todos e todas son diamantes en bruto e poderán chegar onde queiran se conseguen esforzarse por alcanzalo.
Tamén levarei os meus compañeiros nunha axendiña. Aprendín moito de todos eles, compartín moitas preocupacións e, neste ano tan raro e tan lonxe dos meus, fixéronse da miña familia sen pensalo dúas veces.
Foi un marabilloso lugar ao que non quería ir, pero do que me custou partir.

Nesta incerta vida que nos ocupa aos docentes mochileiros, a ver onde nos leva o destino o curso que vén...

De resto... un pouco de todo. Cousas mellores e cousas máis complicadas e difíciles. Como lle contaba a unha compañeira que hai moito que non vexo, é mellor falarmos un día con tempo, a vida dáche algo cada día, ás veces mellor e ás veces peor, pero sempre algo.

Iso si, o esforzo coas linguas pagou a pena. Rematei todos os cursos que comecei, aprobei 5º EOI con boas notas, saquei o B2 por libre e incluso o C1 de lingua. Teño que dicir que tirei mellores cualificacións en portugués ca en galego. Seica non o comprendo moi ben... Sen ánimo de nada, queridos e queridas da EOI de lingua galega... por este camiño só colleitades "odiadores" da lingua, é inexplicable que galegofalantes, licenciados en filoloxía incluso, tradutores, profesores de lingua, etc., consigan certificar en linguas estranxeiras e se dean por vencidos co galego... un pouco de cordura... Nin pasalas todas, nin poñer uns exames tan encerellados que saias deles pensando que calquera das respostas que non sinalaches tamén poderían estar ben... É a miña humilde opinión. Igual ca os sistemas de oposición, tamén cumpría revisar os sistemas de avaliación para certificar as linguas.

E agora o verán por diante. Así. Sen horarios pero con moito por facer. Isto nunca para. Aínda que a auga baixe amodiño, a pedra de moer aí segue.
Como obxectivo, só vivir. E atopar a felicidade no cativo e no cotián. Que diso se trata...