Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

15.7.16

Facendo sombreiros de papel con fado de Ana Moura de fondo...

Miña nai educounos a golpe de Juan Pardo, Rocío Jurado, Isabel Pantoja e Julio Iglesias... dous fillos saíronlle fans de Combo Dominicano, outras dúas non seguiron esa esteira.
Inda con todo, moito xogo dei eu nos karaokes, coa miña voz de galiña choca pero sabendo a letra da primeira á última.
Así que cando teño as nenas pola casa ao meu arredor, sempre procuro poñer música variada e diferente que lles poida gustar.
Agora mesmo temos unha chea de revistas vellas abertas, e estamos facendo gorros e barcos de papel... Ben, eu fago e elas pegan gomets e desfán un pouco o choio...
Onte merquei parte dos seus libros de texto do ano que vén... Teñen elas máis libros en primeiro de primaria ca a miña titoría de 1º de ESO, que só tiñan 3... Aquí ímonos a 8...
Vaia, pasamos dunha unitaria en que aprendían a bailar, cantar, relacionarse e traballar por proxectos que eles mesmos ían construíndo a 8 libros de texto, bravo polo cambio!!! (é ironía, claro), iso que eu aprecio e valoro o traballo (moitas veces excelente) que hai detrás dun libro de texto.
E sei que os cartos que custan están en boa parte xustificados (o resto é para manter a industria, o que tamén é lexítimo), hai moitos autores, correctores, editores, ilustradores, deseñadores, tradutores, etc., que poñen o seu labor diario para facer un material xeitoso e ben pensado.
Iso si, tamén me encantan os macarróns ao forno e miña nai inviste horas en cociñalos e non os comería 5 veces ao día 7 días á semana... Enténdeseme, non?
Sei que a LOMCE é un despropósito. Sei da terrible ratio nas aulas de primaria (e nas de infantil, e nas de secundaria!), sei do precario traballo en cadros de persoal que se moven de curso para curso... Ben sei de todo iso e por iso non digo nada, que a sorte nos acompañe.
O meu disgusto é co despropósito de educación que se preconiza desde a administración. É así.
Estes dous pelouros que non saben ler, escribir e que debuxan coellos que parecen churros e persoas que parecen alieníxenas mirándose a espellos da risa... E agora vexo ese tocho de libros que deben pesar 4 quilos e as horas que se supón que van investir sentadiñas facéndoos e cáeme a alma aos pés.
Roubámoslles a infancia, apurámoslles contidos que teñen moooooito tempo de adquirir e que non son significativos aínda para eles...
En fin. Ao que ía. Mentres fago gorros de papel e barquiños adornados, poñemos de fondo un pouquiño de Deolinda. Non vou poder ir ao concerto, así que cantamos na casa. E elas pregúntanme, mami, estes cantan que parece ás veces galego e ás veces inglés :D :D :D, en que cantan? E falamos de mil cousas e despois póñolles pequenas peciñas que adoro... para ir creando o pouso. E ao resto, sobreviviremos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...