Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.12.16

A que ando...?

Pois ando a mil cousas, para variar, claro que si.
Este curso está sendo totalmente diferente do anterior, por varias razóns, non é nin mellor nin peor, pero si ben diferente.
Para comezar, durmo e xanto na casa (á hora da merenda, pero vaia), e iso xa é unha tranquilidade, aínda que teña que exercer de automobilista forzada parte da miña xornada laboral.
O alumnado é moi diferente, son rapaces da cidade, castelanfalantes en todos os ámbitos e circunstancias, en moitos casos con bastante prexuízo, noutros sen prexuízo pero con moitas dificultades para as destrezas básicas da lingua, pero, por outra banda, son rapaces que manexan as tecnoloxías, teñen moita cultura xeral, case todos están preocupados pola súa formación e implícanse nela.
Así que refacemos os esquemas, reformulamos os obxectivos, cociñamos coa LOMCE unha estratexia decente para todos e dándolle duro.
Recoñezo que os pequenos de primeiro este ano son a miña gran felicidade, porque me seguen en todas as miñas propostas. Sempre van máis alá das miñas expectativas, sorprendéndome co moito que se implican en todo canto se me ocorre propoñerlles. Son entusiastas e apaixonados, algo que xa pensei non ver máis ca en fabas contadas.
En canto ás relacións, este ano xa non se dan as circunstancias do anterior, así que paso máis tempo traballando ao meu, non teño tanta ansia por socializar. Ía dicir que estaba mantendo o perfil baixo, pero iso en min, xa só polo ton de voz de gaita que gasto, é difícil ou imposible. Así que tenteando aínda o terreo e ensarillándome tamén un pouco, non podo mudar así do día para a noite, o ensarille ten que saír por algures.

As nenas volveron ao seu cole. Estou descontenta. Profundamente descontenta. Por todo en xeral. E oxalá as circunstancias nos tivesen obrigado a envialas a un cole menos masificado. Eliximos este por ser o próximo, o dos veciños e veciñas, e cada día que veñen con historias para non durmir del voume envolvendo máis e máis na caca de decisión que tomamos matriculándoas nel.

A súa rutina redúcese a facer cola para entrar. Entrar. Traballar nas materias a partir de libros de texto. Saír ao recreo. Entrar. Seguir traballando. Saír.

A cuestión da lingua galega é para ir mexar e non botar gota. Iso é un feito. Se teñen un plan de normalización queda na cartelería que hai polos corredores. Non hai outra implementación del.

E doutras cousas xa non vou falar, pero parece que se conxurasen os deuses para xuntar a fame e mais a gana de comer da docencia aí dentro. En fin.

Ao final nin considerei o do preparador nin teño ansia por preparar.  As oposicións, se asoman, colleranme entre a impotencia de ver un sistema que me expulsa cuns exames de "chapatoria" absurdos e a mala conciencia de saber que en ningún momento debín baixar a garda. Creo que no fondo do meu corazón xa asumín que mentres o sistema non pase por avaliarme o meu traballo na aula e me avalíe a miña capacidade de tirarlle o po a uns apuntamentos xa esquecidos vou ser a eterna interina ou substituta, no peor dos casos. Iso si, creo que vou estudar maxisterio, polo si ou polo non, penso que o meu espírito vai máis acorde coa docencia en niveis máis baixos, penso que eu podería facelo mellor e que iso sería bo para todos. Iso si, íase acabar o puto reggeatón nos festivais dos centros polos que pasase.

Ais, acaba o ano e o meu blog desatendido pasa polas súas horas baixas. Creo que para o ano que vén voulle remozar a cara, cambiar de temática e todo. O descoido non é só desidia, é que a miña listaxe de tarefas calquera día bota mans e arréame unha losqueada. O de procrastinar dáseme de carallo e medio.

Hoxe está un dos rebentos pochiña. Houbo que botar o freo ás ceas, comidas e quedadas variadas. A min se hai algo que me guste para poñerlle o ramo ao ano é ver a xente que me presta. E botar con ela un conto. E, ao final, saber que non estás soa cos teus pensamentos, que hai moito quen pensa de maneira semellante.

Este 2016 saíu así daquela maneira en moitos planos, confiemos que no que entra, polo menos, arredemos de cousa mala. O resto irémolo xestionando como se poida.

Un bico a tod@s, espero poder estar para vós cando me precisedes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...