O meu
alumnado deste curso é da cidade. E séntese identificado co castelán. É a súa
lingua materna (ou unha delas) e habitual, e o bilingüismo de iure do que deberían estar gozando e tirando beneficios non se
dá de facto. O seu é un semilingüismo
moi pobre na lingua que non empregaron nunca para as funcións básicas: as
relacións comunicativas familiares e sociais.
Nas
primeiras semanas de traballo afixen o oído a escoitar sentenzas agramaticais e
a cabeza a trazar estratexias para ir facendo en positivo. Pois, por riba de
mel, filloas, e o semilingüismo non viña só –nunca vén–, senón que gozaba do
amor e da compaña das barreiras psicolóxicas que constrúe o desprestixio –máis
ou menos fragrante ao que someten a coitada da lingua nos diferentes seos
afectivos e familiares– e que lles impedían soltarse no seu contexto cotián.
E entón
naceu ela. Así coma unha flor inocente no medio dun prado enorme, e nin de
lonxe podía prever eu a revolución que ía supor.
Ela abriu
novos horizontes que, doutro xeito, non serían abertos e, de maneira natural e
sen forzar, foi coma unha porta a outra realidade. Unha porta que abrimos algunhas
horas á semana e que supuxo o experimento sociolingüístico máis ilustrativo
xamais ao meu alcance.
A aula
virtual. A nosa auliña virtual. Nela eu son un deseño con avatar de cando tiña
vinte quilos menos e máis forza para todo e eles son cans, gatos, bigotes, melenas
e todo o que soñan ser. Proxectáronse libremente. O noso alter ego só ten como consigna seguir as instrucións do día para o
traballo académico, relacionarnos con respecto e moderación, seguir certas
regras de cortesía para que ninguén se sinta cohibido e, condición sine qua non, as interaccións, por moi
espontáneas que as sintamos, na nosa lingua.
E seis meses
despois o resultado é que si. Funciona. Os comentarios son respectuosos e
corteses. Na nosa lingua. Os traballos e as lecturas séguense sen dificultade,
pregúntase, indágase. E ás veces pasamos do texto á voz. E sae ben. E despois
ao vídeo. E tamén todo vai ben, ninguén se sente estraño nin raro. E a
preocupación pola calidade comeza tamén a pairar sobre eles, a proxección quere
ser impecable, se pode ser...
E aos poucos
na nosa aula virtual o mundo en galego xa é o normal, e, non vou apoñerme
logros que non tirei, tamén comeza a ser, timidamente, máis espontáneo na aula
de verdade, na que tamén falamos, lemos, comentamos e argallamos. Moi pouquiño
a pouco.
A vergoña ou
reparo que sentían por invadir eses usos reservados para o castelán co galego,
no noso mundo virtual non se dá. Non naceu fanado o contexto, a lingua propia
desta república asumiuse sen máis. E mesmo algúns van considerando que talvez
non estea mal iso de ser bilingües e ir mellorando as destrezas que fallan naturalmente,
sen pudores que nos couten.
E a miña
floriña do prado, humildiña, deume, sen querelo, azos para afrontar a
desoladora circunstancia de ter que impartir na aula o que tiña que ser o
perfeccionamento dunha lingua propia tal coma se fose unha segunda lingua
estranxeira. A miña aula querida, que me quita quilos e pedras no camiño para
este meu día a día de docente sen fronteiras.
Este artiguiño escribino para presentalo aos artigos normalizadores, pero había un moito mellor e moi interesante que me alegro infinito que gañase, porque necesitamos referentes, e persoas que exerzan profesións de prestixio que usen normalmente e naturalmente a lingua, e que, ademais, contribúan á normalización da lingua no país.
Como xa o tiña escrito, deume por deixalo por aquí, por se a alguén lle interesa. Este ano saíu así a cousa, funcionou esta estratexia con estes grupos concretos, se cadra, con outros grupos, noutro momento, xa non funciona... sempre en movemento, sempre buscando o camiño!
Este artiguiño escribino para presentalo aos artigos normalizadores, pero había un moito mellor e moi interesante que me alegro infinito que gañase, porque necesitamos referentes, e persoas que exerzan profesións de prestixio que usen normalmente e naturalmente a lingua, e que, ademais, contribúan á normalización da lingua no país.
Como xa o tiña escrito, deume por deixalo por aquí, por se a alguén lle interesa. Este ano saíu así a cousa, funcionou esta estratexia con estes grupos concretos, se cadra, con outros grupos, noutro momento, xa non funciona... sempre en movemento, sempre buscando o camiño!