Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

27.5.17

Can I panic now??????

Iso, estamos en xuño e o que levo feito non chega nin para comezar. Vergoña de min que non souben aproveitar mellor o tempo.
Este curso tamén me roubou moito. Viaxar a diario dúas horas, madrugar tanto, facer tantas cousas novas cos rapaces que requirían unha boa dose (por usar un eufemismo) de min...
Os resultados, coma sempre, hanse ver co tempo, e talvez eu non os verei, pero han estar aí e aférrome a iso.
Este curso batín co departamento máis riquiñísimo que nin podería imaxinar. As miñas compañeiras de departamento son para querelas a todas catro infinito. Nunca me sentín tan aprezada e respectada no meu traballo, nunca unha crítica destrutiva, sempre achegando, sempre construíndo con ilusión e con positivismo.
Vounas botar de menos moitísimo cando remate o curso, a verdade, creo que gañei catro amigas para moito tempo. Fixeron que o meu pozo sen fondo deste ano tivese ata alegría nel.
Polo resto, pois botándolle horas, horas que non chegan a nada. Non se pode volver facer a carreira enteira nuns poucos meses, é inviable, así que será o que será.

Esta noite, na que apenas durmín, si, xa cheguei a ese estadio de insomnio, nerviosismo e tolemia xeral que tiña que acabar chegando si ou si, pois iso, esta noite, houbo un momento en que soñei en que por fin atopaba o momento para aclarar un episodio que deixei aí atrás esborranchado. Un amigo meu moi sabio sempre dicía que o que nos preocupou debemos resolvelo, porque se non é fonte de malestar nalgún momento. E si. Non ten importancia. Non é nada grave, e sei que non paga a pena nin remexelo, pero aí quedou, coma unha feridiña que non che dá curado nin co tempo.

Tamén soñei que facía mil exames. Que non tiña DNI. Que non atopaba o insti no que se facían as opos. Que perdía as notas dos rapaces xusto antes de ter que dárllelas...

Así e todo, os meus alumnos son ben paveros e de cando en cando chéganme mensaxes á aula virtual: vamos, Luz, confiamos en ti!, ou Hahahahaha, profe, son as 12 e aínda estás aí dándoo todo, sorteeeee!!!!, e así todos, entre cachondeándose de min porque teño que estudar e sendo sinceros na súa forza positiva para min... Cando me vían na biblioteca tantas horas sen erguer o cu alucinaban, creo que, sen querelo, demostreilles que non hai gozo sen esforzo, e aínda co esforzo ás veces non hai gozo ningún...

Creo que me gusta tanto o meu traballo, a pesar de todo, que non sabería facer outra cousa. Por iso me dá tanto medo todo e por iso me bloqueo. Ás veces o mundo, non é falsa modestia, quédame grande de carallo...

O caso, hoxe metida entre prácticas que me saen xa polas orellas deume por poñer fado. Non sei como se pode vivir sen coñecer a Ana Moura, e menos sen adorala. Pero hoxe déixovos unha de Mariza, a ver se é verdade que o melhor de min está por chegar :D :D :D Marabillosa...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...