Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.5.17

TODO É (A)NORMAL NO NOSO MUNDO VIRTUAL (artiguiño)



O meu alumnado deste curso é da cidade. E séntese identificado co castelán. É a súa lingua materna (ou unha delas) e habitual, e o bilingüismo de iure do que deberían estar gozando e tirando beneficios non se dá de facto. O seu é un semilingüismo moi pobre na lingua que non empregaron nunca para as funcións básicas: as relacións comunicativas familiares e sociais.
Nas primeiras semanas de traballo afixen o oído a escoitar sentenzas agramaticais e a cabeza a trazar estratexias para ir facendo en positivo. Pois, por riba de mel, filloas, e o semilingüismo non viña só –nunca vén–, senón que gozaba do amor e da compaña das barreiras psicolóxicas que constrúe o desprestixio –máis ou menos fragrante ao que someten a coitada da lingua nos diferentes seos afectivos e familiares– e que lles impedían soltarse no seu contexto cotián.
E entón naceu ela. Así coma unha flor inocente no medio dun prado enorme, e nin de lonxe podía prever eu a revolución que ía supor.
Ela abriu novos horizontes que, doutro xeito, non serían abertos e, de maneira natural e sen forzar, foi coma unha porta a outra realidade. Unha porta que abrimos algunhas horas á semana e que supuxo o experimento sociolingüístico máis ilustrativo xamais ao meu alcance.
A aula virtual. A nosa auliña virtual. Nela eu son un deseño con avatar de cando tiña vinte quilos menos e máis forza para todo e eles son cans, gatos, bigotes, melenas e todo o que soñan ser. Proxectáronse libremente. O noso alter ego só ten como consigna seguir as instrucións do día para o traballo académico, relacionarnos con respecto e moderación, seguir certas regras de cortesía para que ninguén se sinta cohibido e, condición sine qua non, as interaccións, por moi espontáneas que as sintamos, na nosa lingua.
E seis meses despois o resultado é que si. Funciona. Os comentarios son respectuosos e corteses. Na nosa lingua. Os traballos e as lecturas séguense sen dificultade, pregúntase, indágase. E ás veces pasamos do texto á voz. E sae ben. E despois ao vídeo. E tamén todo vai ben, ninguén se sente estraño nin raro. E a preocupación pola calidade comeza tamén a pairar sobre eles, a proxección quere ser impecable, se pode ser...
E aos poucos na nosa aula virtual o mundo en galego xa é o normal, e, non vou apoñerme logros que non tirei, tamén comeza a ser, timidamente, máis espontáneo na aula de verdade, na que tamén falamos, lemos, comentamos e argallamos. Moi pouquiño a pouco.
A vergoña ou reparo que sentían por invadir eses usos reservados para o castelán co galego, no noso mundo virtual non se dá. Non naceu fanado o contexto, a lingua propia desta república asumiuse sen máis. E mesmo algúns van considerando que talvez non estea mal iso de ser bilingües e ir mellorando as destrezas que fallan naturalmente, sen pudores que nos couten.
E a miña floriña do prado, humildiña, deume, sen querelo, azos para afrontar a desoladora circunstancia de ter que impartir na aula o que tiña que ser o perfeccionamento dunha lingua propia tal coma se fose unha segunda lingua estranxeira. A miña aula querida, que me quita quilos e pedras no camiño para este meu día a día de docente sen fronteiras.

Este artiguiño escribino para presentalo aos artigos normalizadores, pero había un moito mellor e moi interesante que me alegro infinito que gañase, porque necesitamos referentes, e persoas que exerzan profesións de prestixio que usen normalmente e naturalmente a lingua, e que, ademais, contribúan á normalización da lingua no país.
Como xa o tiña escrito, deume por deixalo por aquí, por se a alguén lle interesa. Este ano saíu así a cousa, funcionou esta estratexia con estes grupos concretos, se cadra, con outros grupos, noutro momento, xa non funciona... sempre en movemento, sempre buscando o camiño!

2 comentarios:

  1. Dentro do mal que parece que están as cousas en moitos sitios, paréceme alentador o que contas. Abonda con que desboten os prexuízos para darmos pasos adiante!
    Malia a negatividade que hai a respecto do uso da lingua nas cidades, eu sonche positiva: levo case 20 anos en Vigo e nunca oíra tanto galego pola rúa como nos últimos anos. Tamén é certo que nunca tanto castelán oíra en Burela... pero sigamos traballando! :) Apertas!

    ResponderEliminar
  2. Para min este é o primeiro ano en que atopo tanta resistencia a usalo, é unha novidade, pois aínda que non o usasen espontaneamente, si que tiñan un dominio bastante aceptable tanto na comprensión coma na expresión, na oral máis que nada, e bastante decente na escrita e na aula non mostraban problema ningún para empregalo. Este ano atopo rapaces e rapazas que NUNCA leron un libro en galego na primaria, recibían aulas de lingua en castelán, na súa casa non se fala, non se escoita radio, ve tv, etc. en galego, polo que intentando expresarse atopan as mesmas dificultades ca nunha lingua estranxeira. Isto é unha realidade que nunca xamais atopara ata agora. Ten unha explicación sociolingüística clara, obviamente, mais é preocupante.
    Sei que despois van cambiando. Unha vez que vencen as resistencias, xa todo comeza a fluír máis espontaneamente, pero vencelas, este ano en concreto, estame deixando os miolos secos buscando estratexias :D

    ResponderEliminar

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...