Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.6.17

Parece que a vida pasou...

Acabaron as aulas. Xa case acabou todo canto trámite burocrático me enfanga ata o infinito. E acabou outra etapa, máis unha.
Algunha aperta e algún bico aínda caeu.
A verdade é que moitas veces penso que, ao final, son tan afortunada, que moitas das cousas que me suceden son regalos.
É un regalo poder compartir espazo cos meus raparigos e coas miñas raparigas, mantéñenme esperta e alerta. Dáme carraxe, moitas veces, non ser quen de facer máis do que fago. Sempre lle faltan horas ao día, sempre é insuficiente todo. Confío poder compensalo doutros xeitos, confío.

O exame das opos xa alá foi. Pensei que cando o fixese sería como sacar unha mochila cargada de pedras pero non foi así. Dóeme a barriga desde hai semanas e non ten moita traza de deixar de facelo.

A muller da sorte apostou polo cabalo perdedor. Seica é unha cousa moi galega, esa de apostar polo perdedor, e non ía ser eu menos, sendo un toxo do monte como son.

O caso foi que a miña aposta, ir con temas para optar polo 10, levar a poesía desde a posguerra ata a actualidade controladiña, aspirar a un comentario filolóxico humilde, unha revisión ben a fondo da dialectoloxía, das características da lingua en todos os períodos da nosa historia...
Mal. Estratexia mala. O poema era simple e cativo, ata me anoxei e permitinme criticalo, así e todo, nas nosas letras temos mostras ben máis fermosas, mesmo contemporáneas ao que caeu, en fin, é o que hai, pois é o que hai; o texto filolóxico era bastante moderno; o lingüístico tiña un matiz literario bastante engaiolante para trabucarte nas estratexias do comentario e caerte nun comentario máis literario ca lingüístico, e a lingua era un estándar docente impecable... E ningún dos meus temas. A estatística viroume as costas.

Mellor lles foi aos que prepararon 15 días 4 temas; aos que comezaron só por ler do 1 ao 20, o que dá tempo na pouca marxe de convocatoria...

E así foi. Xa saín facendo a croqueta do lugar. Xa me metín nun armario para chorar as miñas coitas encolleita e xa me repuxen e nova para diante.
Ao final, os que apostan e perden algún camiño seguen, digo eu que non se lles abre o abismo debaixo dos pés.
Só me queda unha espiña, a de ter sacrificado o tempo que non era o meu, que tamén era das miñas parrulas. Dime unha compañeira que véndome esforzarme tamén lles estou dando unha lección, pero non sei cando de certo hai e canto de consolo de amigas solidarias ten...

E máis nada. Agora só queda un verán por diante. Días de levar o mellor que se poida a incerteza de volver estar en espectativa, un novo lugar, uns novos compañeiros, uns novos grupos... No mellor dos casos. Claro. Digo eu que non sei canto tempo serei capaz de levalo con bo humor... Poida que dous, tres, catro cursos máis... Non sei, supoño que agora veño de pasar un apuro para nada e iso non me deixa pensar con claridade, será iso.

En fin. Descansar a cabeza, recompoñerse e a polas que veñan.
Nestes días, namorada desta canción. Como non, Ana Moura, adóroa demasiado...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...