Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.7.17

E foi si!

Esta entrada chega uns días tarde, mais non houbo aínda tempo. Non, non o estou festexando coma se non houbese un mañá, pero estouno festexando coma se houbese un HOXE.
E o hoxe é tempo. Tempo para as nenas, tempo para os amigos e para as amigas, tempo para ler, tempo para gastalo no que se queira...
Porque ao final, e contra o meu prognóstico, aprobei as opos. Unha cousa cativiña aí rabuñando mais un aprobado.
Polo de agora non sinto que nada cambiase, mais dinme os compañeiros que o notarei cando me dea de conta de que podo dedicarme só 'ao choio' e non a ter que seguir estudando.
Un alivio. Eu sempre son unha agoniada co tema do traballo, sempre me causou moita intranquilidade o tema da incerteza, moito máis desde que chegaron ao mundo as pequechas, supoño que é o normal que lle sucede a toda a humanidade.
Esta foto, mal feita, co meu móbil de a patacón, é o reflexo de tres pensamentos aliviados, o meu porque por fin acabara todo (quitoume anos de vida, a verdade) e o delas porque por fin volvían terme un pouco para elas, que xa case non sabían o que era.
O momento foi agridoce porque moitas persoas que quero e que sei que o merecían tanto ou máis ca min, polo esforzo e porque saben facer ben as cousas, non sacaron praza, aínda que sei que na próxima irá. Sobre todo a miña 'melli', que sen ela nada tería sentido este curso e turrou por min coma se de verdade fose miña irmá, non será de sangue, pero si da vida.
Outros si puido ser, e deses tamén me alegro infinito, porque á parte de boa xente, son un puntazo dentro do sistema educativo e de aí han saír futuros e futuras filólog@s, seino!
E así as cousas. Feliz verán para vostedes, que o gocen porque o HOXE é o que importa!!!

A felicidade é que se acabaron as portas pechadas na casa!