Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

8.11.17

O QUE NON HAI QUE FACER

Cando estudei non tiña a cabeza para o que a tiña que ter. Así que pasei pola facultade coma quen que... e agora que todo se amañou e parecía que tiña tempo decidín reparar o mal.
Así que aquelas materias polas que pasei sen pena nin gloria quería volver facelas. Cadaquén ten os seus vicios.
Así que me matriculei na UNED.
A UNED é algo así coma un pozo negro onde te metes a sobrevivir. É coma facer unha carreira de fondo con todas as condicións adversas. O plus de constancia e autodidactismo é bestial, bestial.
O caso é que necesitaba materias un pouco de recheo que me animasen, así que, como boa  trampeira pensei: voume matricular de galego, que polo menos non lle teño nin que mirar para o rabo e é unha que non arrastro a setembro.
Érache boa!
A cousa é: ti mercas un manual, que non está reeditado, polo que en realidade mercas un pdf que debes imprimir e despois tes que chapalo (o tráfico de influencias na uned é tan manifesto que lle deberían chamar: tú me das ventitas, yo te doy ventitas)
Si.
Chápalo.
Chapas a súa gramática, a súa ortografía, a súa morfoloxía, a súa sociolingüística e a súa sintaxe.
E con chapar refírome ao que todos entendedes por chapar. Memorízalo. Todo. Todas e cada unha das cuestións que se especifican, cos seus puntos e as súas comas.
E, obviamente, enfocándoo desde o punto de vista comparativo (enténdoo, está enfocado como aprendizaxe dunha segunda lingua). Lingua subsidiaria do meu pobo.
Pois iso. Aprendes que para o pasado o galego ten tales verbos, contrariamente ao castelán que ten tales outros. Aprendes que marabilla en galego é con be porque... O bo é que si que aprendo cousas nas que non reparara nunca, hei de recoñecelo.
O exame son 2 preguntas teóricas. Dúas. Cada unha vale un 5. E poden enunciarse así:
A IIC dos verbos irregulares
A conxunción en galego e a diferenza coa castelá
O uso dos posesivos, a diferenza cos usos e coas formas castelás
Así. A pau seco.
Que a min vénme caralludo, pero miña nai, miña nai!!!! Non podo deixar de pensar nos coitados compañeiros non galegofalantes que están facendo actividades dos CELGA diariamente para aprender algo de lingua cando NON É NECESARIO.
Merque vostede o manual da materia. Chápeo. Non ten que aprender NADA da lingua, nin sequera entendelo.

E como boa túzara, xa intervindo nos foros con mensaxes-queixa.

O que facemos nas aulas xa se encarga a sociedade, e a universidade a distancia, de escangallalo. Porque me escapa que clase de competencia na lingua se consegue con esta materia. Que grande oportunidade para  lingua se perde! Xente filóloga que non ten galego como lingua nai e que quere aprendelo e que despois probablemente será docente de lingua española coa sensibilidade polas linguas minoritarias traballada! Que mágoa!

Pero o mellor de todo é que a titora ten relatorios no youtube nos que lle di ao seu pai como se fan os fillos...

Para ir mexar e non botar ghota...


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...