Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.11.19

Canto hai que non nos vemos, máis hai que non nos falamos...

...xa o camiño bota herba, por onde nós paseabamos.

E vai que non entro por aquí xa nin lembro. Penso que a última entrada era a das oposicións aprobadas. Desde aquela moito choveu e moito ventou.
En resumidas contas, pasei por un centro marabilloso, onde tiven o ano de prácticas máis intenso que se podía ter, cunha dirección de 10, un departamento de máis de 10 e unha orientación co mesmo corte. O que me confirmou o que viña intuíndo xa pola miña cativa experiencia, ao final, un centro no que os docentes reman xuntos, xa pode ser como queira, que funciona. E funcionaba, porque cadaquén sabía cara a onde tiña que dirixir os seus esforzos. Unha aposta segura, foi a primeira vez que nunca sentín que predicaba no deserto. O ano seguinte intentei repetir, mais xa non foi posible, outro con máis puntos quitoume o sitio.
Así que fun para outro centro. Outro estilo completamente distinto e ademais nin o levei nada ben. Estar sempre comezando acaba por esgotar. Sempre novo alumnado, novo claustro, volver gañar o teu lugar, tratar de non pasar as horas ocas coma unha zulú... vaia, xa eu non tiña boa disposición, foi culpa miña non aproveitar o bo (que o tiña) e pasar de puntas polo lugar, que sabía que era outro máis de paso. O CXT marcou o curso, co medo de acabar a centos de quilómetros da casa. O CXT foi o grande fantasma que pairou case todo ese ano cada noite, asexando por se acaso durmía sen pensar nel.
E así a ansiedade levoume ao de sempre.
A roer.
Coma se non houbese mañá.
Mollar madalenas en salsa de vieira dos mexillóns en lata.

Que nunca falte a miña gran eiva para sobrevivir alimentándome coma unha persoa de ben.

Mais a pesar do CXT houbo moitas outras cousas boas e determinantes. A escola de idiomas, onde naceu un grupo de portugués xeitoso, cun profe co que era un pracer traballar e todo foi unha catarse casual e simpática. Tamén conseguín aprobar todas as que matriculara na UNED.

Si. Outra das piradeces que me trae a ansiedade despois da comida imprudente. Matricularme e intentar abranguer todo aquilo que penso que pode servirme para mellorar algo (totalmente baseado na miña percepción sen criterio). Así que nada máis aprobar as opos xa me botei a facer outro Grado. Bravo pola xente que ten un oquiño na vida e lle dá asfixia ese tempo! (de todo se sae, spoiler: non).

E finalmente a definitiva. O regaliño envelenado. Acabei onde quería, de feito, era o meu primeiro destino.
Abandonei a city, mudei as pequenas de cole, amañamos unha casiña preto da praia...
Lendo isto podemos imaxinar longos paseos pola praia, no pór do sol e whatever.
Mais os de costa saberán que na Costa da Morte, nordés never ends, e cando digo NEVER, digo never, venta que rabea!, e levamos o outono con temporais que non sei como non saímos nós despedidos polo aire calquera día.

A vida aquí, moitas veces, é coma un capítulo de padre casares. Estou mesmo pensando en facer un blog cun sobrenome e ir contando, porque neste cativo tempo pasoume de todo: xa fun a ximnasia cunha señora conectada a un respirador que saía fumar a cada pouco, xa me ofreceron unhas hostias (verídido, o elo perdido habita preto da miña aldea), xa vivín 24 h sen corrente, xa pasei por unha sala de espera dun centro médico que parecía o camarote dos irmáns marx, xa pasei polo colexio electoral (no comment)... vamos, que teño material para sacar unha novela ou dúas (sempre desde o respecto e a humildade, que non vou ir eu aquí de urbanita espelida con aires de superioridade).

Botamos a faltar xente. Mais ao que todo se normalice, volveremos tender pontes con toda ela.

Feliz semana, meus queridos e miñas queridas, que o demo vos faga compaña, que non é tan malo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...