Sempre tiven a capacidade de lembrar case á
perfección os soños que teño. Que son moitos e moi variados. Ás veces useinos
para resolver temas pendentes, para repasar o estudado, para analizar algunhas
cuestións con perspectiva, para proxectarme en situacións, para empatizar
sentíndome na pel do outro... En xeral, é unha habelencia, ou unha capacidade
ou calidade que me axudou en moitas circunstancias a tomar decisións ou a ter
en conta outros puntos de vista que, doutro xeito, probablemente pasaría por
alto.
Unha vez comentei isto cun psicólogo e díxome
que aproveitase ese recurso, que non todo o mundo tiña. En realidade, tal como
o vexo agora, é como ter dispoñibles oito ou nove horas de axenda sen
interrupcións a maiores. Que, nos tempos que me corren, é estupendo.
Como contrapartida, ás veces os soños son tan
reais, tan vívidos e tan cotiáns ou simples, que dou por feito que sucederon en
realidade. Simplemente conversas, ou reunións con persoas, ou circunstancias
tan normais que poden pasar por boas... Así que non poucas veces me atopo
pensando se algo sucedeu en realidade ou se o soñei.
A primeira vez que asumín socialmente que a
miña vida estaba dividida en dúas partes, provocou non poucos comentarios,
aínda que ao final, mesmo houbo recoñecementos sobre a potencialidade de tal
asunto.
Nos días previos á selectividade a verdade é
que estaba eu neses procesos de namoramentos que me tiñan sempre no aire. Co
tempo, facéndome lectora ávida, descubrín que moitas veces a realidade é tan
cativa e tan ruín, que se poñen en marcha mecanismos de ficción que che fan a
cousa máis boa de levar. Pois nesas andaba eu, namorada da vida en xeral e
dalgunhas persoas en particular e con pouca gana de dedicarlle as horas do día
ao que realmente tiña que facer.
Así que, para non descoidar o asunto, co sol
papaba moscas e coa noite afanábame no temario, pero o ritmo non era fácil de
levar. Así que cando adormecía, xa de madrugada, tiña soños que me colaboraban,
sobre todo de temática histórica, que era o meu talón de aquiles e o que máis
me preocupaba daquela.
Así, descubrinme inmersa na primeira
revolución industrial e tamén na segunda, participei nunha cadea de montaxe, traballei arreo para
conspirar cos luditas, tirei máquinas abaixo, puxen a andar un ferrocarril, un
barco de vapor, incorporeime ao mercado laboral, vivín os abusos de traballar
no sector primario, padecín o crac do 29... e así noite tras noite, mesturando
ideas, conceptos e vidas que vivía non sendo miñas, pero que me axudaban a
periodizar e a interiorizar conceptos que precisaba reter.
Ese día en que o compartín, algo antes de
entrar ao exame de historia, o profesor que nos acompañaba dubidou se me pasara
cos cafés, coas horas de estudo ou realmente estaba algo pirada. Prométovos que
os soños eran tan realistas e tan ben recreados que podería facerme guionistadunha
serie ambientada en calquera período da historia moderna naquel mesmo momento.
Esta estraña rareza tamén me impulsou a ser
consumidora ávida de series, documentais, filmes e novelas de variado nivel,
temática e autorías. Porque non quería quedar sen recursos á hora de soñar.
Soñar abriume un mundo marabilloso, porque non só era capaz de lembralo todo,
de visualizarme participando, senón que tiña certo poder de conducir os feitos
por onde quería e mesmo de secuencialos. Nalgunhas épocas as noites
convertíanse en auténticas series de ficción e no punto en que remataba unha
acción unha noite, continuaba a seguinte. Isto é serio e en serio.
Pero nestes últimos tempos, co meu exceso de
todo, sobre todo de preocupación e estrés, deixei de recordar os meus soños. Só
volvín soñar estando enferma de gripe, e o soño tornábase pesadelo, porque nel
intentaba resolver o que tiña pendente, liquidar a axenda. Repasaba currículo,
cotexaba actividades, cadraba pregos, contaba páxinas, resolvía actividades,
consideraba imaxes, escribía correos, xustificaba opcións, estudaba temas... e
todo se tornaba un eterno retorno porque nada quedaba resolto, así que o soño
non era soño, era pesadelo e cheguei a confesarlle á médica que me estaba
emparanoiando moi intensamente, así que só podía atribuírse á medicación que me
subministraban. Ao final si, algo tiñan que me viraba o sentido nocturno de
mala maneira, non compensaba o ben que me facían polo mal que me sentía. Así
que me rebaixou a medicación e a enfermidade prolongouse no tempo.
E volvín perdelo de novo. Ata agora. Estes
días de vacacións, daquela maneira, volvo soñar. Durmo tantas horas e tan a
pracer que volvo soñar. E soño coma sempre. De todo.
Esta noite soñei algo que non recordo ter
soñado nunca, o soño dentro do soño. Soñei que durmía na praia e mentres o
mundo ao meu arredor seguía bulindo e unha historia continuaba desenvolvéndose.
Chegaba a noite e eu seguía alí, soñando e, ao tempo que recreaba unha historia
no soño, a historia ao meu redor mentres durmía seguía decorrendo e vida
continuaba sucendendo. Un soño dentro doutro soño.
A miña técnica ensoñadora vaise perfeccionando por momentos.
A miña técnica ensoñadora vaise perfeccionando por momentos.
E o soño dentro do soño tróuxome unha persoa
que quixen moito, moitísimo e que admirei durante moito tempo por moitas
razóns. O caso é que nos tocaba compartir cuarto e en canto puidemos abrazámonos
e choramos durante moitos minutos, supoño que cadaquén choraba polas súas
contas pendentes, polos seus asuntos sen resolver e quizais sen ter conexión
ningunha coa realidade que percibiamos unha sobre a outra. E adormecemos así.
Adormecín no soño soñado na praia mentres durmía pechando un ciclo que non podo
pechar na vida real por moitas circunstancias, entre outras, polas formas que
sempre se deben gardar.
Ao final espertei na praia. Espertei na cama.
E pensei no soño. Quizais desta volta non me axudou a nada, só a confirmar o
que sabía. Que hai persoas que me custa deixar atrás, perdelas despois de
querelas tanto, pero ao final... a vida é así, e supoño que hai decepcións que doe
demasiado perdoar na vida real, inda que nos soños eslúan
nunha longuísima aperta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...